A Casa da Cultura acollerá un festival musical homenaxe a Juan Pardo a beneficio de Cáritas

Está organizado pola Asociación de Mulleres do Rural María del Mar Becerra, e contará coas actuacións de Lázaro Arribe, Yoly García, Vicente Castiñeiras, Pablo Veiga e Los Nostálgicos

 Valdoviño, 30 de outubro de 2023. O auditorio da Casa da Cultura acollerá o vindeiro 11 de novembro un Concerto Solidario a beneficio de Cáritas Meirás e Valdoviño. A Asociación de Mulleres do Rural María del Mar Becerra organiza a cita, na que colabora o Concello, e estes días avanzaba o cartel do evento, co que se homenaxeará a Juan Pardo, un dos intérpretes galegos máis coñecidos, e queridos, dos últimos anos. Precisamente, a data elixida coincidirá co 81 aniversario do cantautor. 

Así, este 11 de novembro, a partir das 18:00 horas, o vocalista Lázaro Arribe, que hai uns anos sacaba ao mercado un disco-homenaxe a Juan Pardo, será o encargado de abrir a cita interpretando algúns dos temas máis coñecidos do músico. Sumaranse a este particular tributo musical Yoly García, Vicente Castiñeiras e o intérprete local Pablo Veiga. Así mesmo, a formación Los Nostálgicos, sempre predispostos a colaborar neste tipo de iniciativas solidarias, pechará o festival co seu repertorio de boleros. 

As entradas para asistir á cita, e participar na recadación de fondos para Cáritas, xa están dispoñibles chamando ao teléfono 622 634 874.