A Casa da Cultura acollerá este venres “O Candil”, un musical 100% galego
As invitacións para asistir á función poderán retirarse entre martes e venres na Casa da Cultura en horario de 11 a 14 horas
O auditorio da Casa da Cultura de Valdoviño acollerá este venres 20 de novembro a musical «O Candil», a cargo da compañía Escola Galega de Teatro Musical. Será a partir das 20,30 horas, con entrada de balde pero presentando invitación. Poderán recollerse a partir de mañá martes e ata o mesmo venres en horario de 11 a 14 horas na Casa da Cultura e cun máximo de 3 por persoa. A función, dirixida a un público adulto e que se rexirá por un estrito protocolo de prevención fronte á covid-19, conta co apoio da Deputación a través da Rede Cultural.
A obra “O Candil” xira arredor do cancioneiro galego. Sabidas por todos, as cancións de comezo do século XX agochan grandes historias do momento, e pasarán a converterse nun Jukebox (musical de temas existentes) integramente galego. “O Candil”, como espectáculo de cuplé, é unha comedia musical interactiva, sobre tres mulleres moi distintas, que buscan o propio ser ante un momento de confusión e cambio da mentalidade global. Estamos en 1918, o fin da Gran Guerra deixa a Europa en ruínas. O mundo cambia, a reflexión sobre os erros do pasado revoluciona o mundo laboral, o artístico, o feminino… A Coruña, pasa a ser un dos núcleos políticos, artísticos e sociais que máis brillan. Chega o momento de falar desa cidade moderna e atrevida, obreira, culta e innovadora, que non tiña medo ó futuro e daba a mellor acollida ás máis diversas personalidades.
Carmen, tras unha longa xornada cargando peixe no porto da Coruña, consegue colarse nunha sala do Pabellón Lino, un famoso teatro de variedades. Vai acompañada da súa amiga Marica, unha atolada tabaqueira. Alí coñecerán a Elvira, sofisticada cupletista que organiza festas clandestinas para as grandes personalidades do momento. Esta ve nas dúas mulleres boas cualidades artísticas e convídaas a participar no seu show. Carmen e Marica acaban aceptando, case perdendo de vista o propósito oculto que as levou ó teatro.