A Casa da Cultura acollerá este domingo o espectáculo “O mago e o ilusionista”
Será a partir das 18 horas, cos magos Román García e Kiko Pastur
Valdoviño, 4 de novembro de 2021. Baixo o título «O mago e o ilusionista », dous grandes da maxia, o Mago Román e Kiko Pastur ofrecerán este domingo en Valdoviño un espectáculo no que ofrecerán os mellores números de maxia realizados nos últimos anos. Unha nova forma de ilusionarse que asombrará, divertirá e fascinará a toda clase de públicos. A cita dará comezo ás 18 horas no auditorio da Casa da Cultura, e conta co apoio da Deputación a través da Rede Cultural.
Tal e como se tiña avanzado, para asistir non é preciso retirar invitación previamente, como ocorría ata esta semana, e as prazas cubriranse por orde de chegada, ata completar aforo.
Román García é un coñecido, premiado e innovador ilusionista galego. Dende moi novo sentiuse atraído pola arte da maxia. Os seus comezos producíronse na Sociedade Coruñesa de Ilusionismo, á que acudía co seu irmán Kiko e o seu amigo Luis Piedrahita e onde aprendeu de grandes mestres como Lorc e Pablo, que lle revelaron os segredos da maxia. Pronto a súa paixón convertiuse en profesión e en 1996 obtivo o Primeiro Premio Nacional de Maxia de preto en Vitoria. Dende entón, son habituais as súas intervencións televisivas en cadeas públicas e privadas (TVE1, TVE2, TVG, Antena 3, Cuatro…), así como en diversos programas radiofónicos.
Pola súa banda, Kiko Pastur, creador de varios espectáculos de maxia e autor de diversas publicacións, defínese cun estilo marcado polo desafío á imaxinación, á pureza de medios e á innovación no arte do ilusionismo. Recoñecido no mundo da maxia, a súa mellor carta de presentación deuna o popular Juan Tamariz, para quen «Kiko é a esencia da sensibilidade poética en maxia. E da orixinalidade nos seus xogos, rutinas e espectáculos máxico-poético-musicais».