A Casa da Cultura acolle unha mostra coas propostas de intervención ideadas polos estudantes de Arquitectura para Monte Campelo

Poderá visitarse ata o 30 de setembro de luns a venres de 10 a 14 horas

Valdoviño, 9 de setembro do 2024. O alumnado da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña inauguraba o pasado venres unha exposición coas súas propostas de intervención para a batería de Monte Campelo. Facíano na casa da cultura, onde se poderá visitar ata o 30 de setembro, de luns a venres de 10 a 14 h.

No acto, o alcalde, Alberto González, trasladaba aos futuros arquitectos o seu orgullo porque «o noso territorio sexa fonte de inspiración para os vosos proxectos», e agradecía que neles mantivesen «a esencia do territorio, permitindo que a veciñanza nos autorrecoñezamos nas vosas propostas para o espazo». Entre esas iniciativas, o alumnado propón a creación dun museo ao aire libre e un espazo recreativo, ou un centro arqueolóxico militar. O profesor e coordinador da iniciativa, Luis Walter Muñoz, reivindicaba o esforzo e traballo, colectivo e individual, do alumnado, e poñía como exemplo as preto de 15.000 horas de adicación para facer posible os proxectos recollidos na mostra. Pola súa banda, o director da escola, Miguel Abelleira, mostrou tamén o orgullo do centro por contar cuns estudantes que xa son quen de facer isto en segundo curso, transformando a realidade construída con sumo respecto ao medio e á historia do lugar.

A exposición é o resultado do traballo realizado dentro e fóra das aulas polos alumnos e alumnas da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña no último curso, no marco da asignatura «Análise da Arquitectura». Monte Campelo convertíase en obxecto de estudo sobre o que formular propostas de intervención coas que transformar e poñer en valor o espazo. Ademais do traballo nas aulas, e coa colaboración do Concello, os e as estudantes realizaban varias visitas a Valdoviño para patear, debuxar, escribir, interiorizar, aprehender e analizar a zona. Visitas nas que tamén se nutriron a información facilitada por expertos no territorio como Manuel González Gutiérrez, autor do libro «Monte Campelo e Punta Frouxeira. Importancia militar e aproveitamento mineiro», ou do propio arquitecto municipal, Carlos Abeledo. A partir de aí, sen condicionantes e con toda a liberdade, foron quen de formular os proxectos hoxe a exposición na casa da cultura de Valdoviño.