A Casa da Cultura acolle este sábado “Os Apalpadoriños” para os máis novos da casa

As invitacións para asistir ao espectáculo da compañía Nelson Quinteiro poden retirarse entre hoxe e o venres na Casa da Cultura

A programación cultural de Nadal do Concello de Valdoviño continúa este sábado 19 de decembro cun espectáculo para os máis pequenos e pequenas da casa: Os Apalpadoriños, a cargo da compañía Nelson Quinteiro. Será no auditorio da Casa da Cultura ás 18 horas e a función inclúese na Rede Cultural da Deputación provincial. Con entrada de balde, é preciso retirar invitación para asistir ao espectáculo. Pode facerse entre hoxe e o venres (ou ata esgotar entradas) na Casa da Cultura, en horario de 11 a 14 horas. O aforo, como sempre, será moi reducido, e o espectáculo rexirase por un estricto protocolo de prevención fronte á covid-19. 

Como espectáculo, os “Apalpadoriños” ofrecen un animado concerto e contacontos con danza, contos e xogos de participación en galego, escollendo un repertorio de panxoliñas e cantos populares adaptados á figura do Apalpador. “Os Pitiños”, “O pelo Roxiño”, “Ghedellos de Cabra”, “Miñas Cousas”, “Nun Bou”, “O Malhao”, nunha viaxe pola xeografía galega onde van deixar os agasallos.