A Casa da Cultura acolle dende este xoves unha exposición temporal sobre as baterías de costa da provincia

A proposta incluirá o 8 de setembro unha conferencia dos autores do libro “La defensa de la costa. Provincia de A Coruña” no que se basea a mostra

Valdoviño, 31 de agosto do 2022. A Casa da Cultura de Valdoviño inaugura o mes de setembro estreando exposición temporal. Do 1 ao 14 deste mes, a veciñanza e máis os visitantes do municipio, moi especialmente as persoas interesadas no patrimonio histórico e militar, terán a oportunidade de desfrutar da mostra titulada “Baterías de costa. Provincia da Coruña (Norte)”, impulsada pola Deputación da Coruña, que repasa o sistema defensivo do litoral do norte da nosa provincia.

A exposición amosa a evolución das defensas do territorio costeiro e das súas poboacións, dende as máis primitivas (vixías, murallas, castelos, baterías de costa…) ata as máis innovadoras, das primeiras décadas do século XX.  É o caso das baterías de Campelo, que teñen a súa orixe no “Plan de Artillado del Frente Marítimo de las Bases Navales de Ferrol-Coruña, Cartagena y Mahón” (1926).

Un total de 20 paneis recollen a situación, descrición e funcionalidades destas infraestruturas estratéxicas, historicamente indispensables para a protección das prazas de Ferrol, da Coruña e do territorio marítimo do Golfo Ártabro. E analizan ademais a evolución da tecnoloxía militar.

A proposta, que bebe dos contidos do libro La defensa de la costa. Provincia de A Coruña, editado recentemente pola Deputación, incluirá tamén unha conferencia- coloquio o vindeiro 8 de setembro, ás 20 horas. Nela participarán os coautores da obra, o antigo comandante artilleiro e estudoso da historia militar José Manuel López Hermida, e José Manuel Yáñez, quen, durante décadas, foi xefe do Servizo de Arquitectura da Deputación e especialista no patrimonio construído da provincia.

Apuntan dende o departamento de Cultura que a mostra temporal poderase visitar de luns a venres de 10 a 14 horas.