A Casa da Cultura acolle “Anacos”, a mostra de fotografía de paisaxes de Fernando González Pérez
Poderá visitarse ata o 31 de agosto de luns a venres de 10 a 13:30 horas
Valdoviño, 2 de agosto do 2024. O fotógrafo Fernando González Pérez inauguraba este mediodía en Valdoviño a súa exposición «Anacos». A mostra recolle unha vintena de imaxes de diferentes espazos naturais da comarca, con especial atención ás paisaxes do noso municipio, e lugares tan recoñecibles como o Faro de Punta Frouxeira, a Capela do Porto ou a extraordinaria costa de Meirás.
González Pérez sempre tivo na fotografía unha das súas paixóns, e tras anos sen adicarlle o tempo que lle gustaría, retomaba en 2022 a súa afección. Coincidía tamén co seu ingreso no Grupo Fotografía Ferrolterra, co inicio de accións formativas e a participación nalgúns certames nos que conqueriu algún que outro premio. Precisamente, en Valdoviño, as súas imaxes foron seleccionadas en varias ocasións para ilustrar o calendario municipal. Sen ir máis lonxe, o deste 2024.
«Anacos» é a súa primeira exposición, e chega ao noso municipio tralo seu paso por San Sadurniño e Narón, e con novos destinos en axenda. Na Casa da Cultura poderá visitarse ata o 31 de agosto, de luns a venres de 10:00 a 13:30 horas -agás festivos-.