A Casa da Cultura acolle a mostra fotográfica “A arte dos golfiños” de Marcos Mella
O fotógrafo afincado en Valdoviño inauguraba onte a exposición, que poderá visitarse ata o 31 de xullo de luns a venres de 10:30 a 14:00 h
Valdoviño, 4 de xullo de 2024. A exposición «A arte dos golfiños» de Marcos Mella recala en Valdoviño, onde poderá visitarse ata o 31 de xullo de luns a venres de 10:30 a 14:00 horas. Trátase de 25 imaxes en branco e negro, selo do autor, nas que o protagonismo reside exclusivamente nos golfiños e as formas que debuxan coas súas aletas. Unha manada de 16 golfiños comúns que Marcos Mella retratou durante o verán de 2023, nun avistamento casual durante unha regata de veleiros tradicionais na ría de Ferrol. O fotógrafo afincado en Valdoviño estaba a realizar unha reportaxe fotográfica cando rodearon a embarcación. Foi entón, en apenas 20 minutos, cando tira da súa Nikon D80 para captar as súas siluetas, dando lugar a fotografías únicas nas que o autor pretende mostrar o seu lado máis creativo.
No transcurso da inauguración da mostra, que contou coa asistencia do concelleiro de Servizos, Benito Vega, e da técnica de Cultura, Rita Díaz, Marcos Mella comentaba que ao día seguinte a manada varaba na enseada da Malata, e en San Cristóbal, sendo rescatada por membros de Protección Civil de Ferrol. Volverían varar na praia de Cariño (Ferrol) o 1 de agosto, onde tamén serían rescatados con éxito, aínda que nesta ocasión a manada contaba cun membro menos.
