A Casa da Cultura acolle a exposición de fin de curso do alumnado da Aula de Artes Plásticas
A concelleira de Cultura, Rosana García, inauguraba a mostra xunto ao pintor Manuel Carballeira, encargado de guiar os talleres municipais
Valdoviño, 11 de xuño do 2025. A Casa da Cultura acollerá ata finais de mes unha nova exposición colectiva dos alumnos e alumnas da Aula de Artes Plásticas do Concello de Valdoviño. Onte á tarde tiña lugar o acto de inauguración, onde a concelleira de Cultura, Rosana García, subliñaba a calidade das obras que integran a mostra e agradecía a participación de nenos e maiores na actividade municipal, así como o labor do pintor Manuel Carballeira, encargado de guiar os talleres dende a posta en marcha do proxecto.
A exposición recolle unha selección dos traballos dos artistas locais na aula, debuxos a lapiz e carboncillo e pinturas -acuarela, acrílico e óleo-. Nenos e nenas dende os 7 anos ata persoas adultas que superan os 70 que, cada semana, comparten espazo artístico no local social de Loira. Coa mostra, que poderá visitarse ata o venres 27 de xuño de luns a venres de horario de 11:00 a 14:00 horas, volven poñer o broche de ouro a un curso que se presentou do máis creativo.
