A campaña de dinamización do comercio “En Valdoviño… adiantamos o Nadal” conclúe coa entrega do cheque solidario a Manos Unidas

Concello e comerciantes fixeron entrega do donativo de 500 euros despois de que a clientela superase o millar de rifas entregadas no primeiro dos sorteos da campaña, desafío lanzado na iniciativa

Valdoviño, 16 de decembro do 2024. A campaña de dinamización do comercio e negocios locais «En Valdoviño… adiantamos o Nadal» concluía o pasado venres tras mes e medio de actividade promocional en redes e dous sorteos entre a clientela cos que se repartiron 700 euros en premios. Facíao coa entrega por parte do alcalde, Alberto González, dun cheque solidario de 500 euros á presidenta da delegación local de Manos Unidas, Sonia Corral. O mellor colofón para unha iniciativa que, nas últimas semanas, tentou ser un revulsivo económico para o sector nun mes tradicionalmente frouxo como novembro. Para iso, os comerciantes convertíanse en protagonistas da campaña lanzada nas redes sociais municipais dando a coñecer produtos e servizos, e animando á veciñanza a anticipar as súas compras. Tomaron parte na iniciativa preto de 60 establecementos de moi diversos sectores, dende alimentación ata farmacias, clínicas de podoloxía, fisioterapia ou dentais, talleres mecánicos, moblería, librería, floristerías, perruquerías… e un longo etcétera.

En paralelo, lanzábase un primero sorteo de 5 cheques por valor de 100 euros cada un canxeables no comercio local. E, complementariamente a este, Concello e comerciantes propoñían un desafío solidario á veciñanza: colaborar cunha entidade social que recibiría unha aportación segundo a súa implicación no sorteo. A máis rifas entregadas, máis fondos, co reto de alcanzar o millar de boletos, que se traducirían neses 500 euros.Tras un periodo de 10 días, veciños e veciñas depositaban máis de 8.700 rifas nas dúas urnas habilitadas na casa da cultura e na casa consistorial, superando amplamente o desafío. E entre eses boletos, saíron tamén os primeiros gañadores dos premios da campaña, que canxeaban os seus vales na cooperativa de Meirás e no Autoservizo O Castro (por partida doble nos dous casos) e máis na Clínica Rehafis.

A campaña contemplou un segundo sorteo co que premiar a fidelidade da clientela, e así, a aqueles que foron reunindo tickets de compra por valor de 100 euros e os entregaron tamén nas urnas habilitadas optaron ao segundo premio: un novo vale canxeable por 200 euros. Neste caso, depositáronse 200 sobres xustos, e a gañadora optou por facer o gasto do premio en Rehafis.