A calidade da auga das zonas de baño de Valdoviño, un ano máis, excelente
O Concello vén de recibir a notificación da Consellería de Sanidade
O alcalde de Valdoviño, Alberto González, informou esta mañá de que o Concello vén de recibir a notificación da Consellería de Sanidade respecto á clasificación sanitaria final das zonas de baño do municipio. Así, todas as praias analizadas –A Frouxeira, Campelo, Meirás, Mourillá-Os Botes, O Baleo, Pantín e Vilarrube- recibiron un excelente. Unha «nota» vixente para a próxima tempada e un reclamo máis para desfrutar dos areais de Valdoviño.
A vixilancia sanitaria das zonas de baño lévase a cabo mediante a inspección e mostraxe periódica da auga das zonas de baño incluídas no censo realizada polo corpo de farmacéuticos inspectores de saúde pública durante a tempada de baño. Así, ao final da tempada de baño, cos datos obtidos nesa tempada o cos resultados das tres anteriores, calcúlase a clasificación sanitaria da auga de baño que pode ser excelente, boa, suficiente e insuficiente.