A Biblioteca premia aos seus mellores lectores

A Concellería de Cultura recoñece aos veciños e veciñas de todas as idades que máis préstamos de libros solicitaron ao longo do ano

Valdoviño, 21 de decembro do 2025. Un ano máis, a Biblioteca Municipal volvía premiar aos seus mellores lectores e lectoras, e convocábaos nas instalacións o pasado venres á tardiña para obsequialos cun agasallo e agradecerlles o seu amor pola literatura. Así, o alcalde, Alberto González, e a concelleira de Cultura, Tamara Sabín, acompañados da bibliotecaria, Rita Díaz; a auxiliar, Carmen Iglesias, e o animador sociocultural, Daniel Cartelle, entregaban os detalles a nenos/as e maiores. Sabela Piñón, de tan só 5 anos, e con 25 préstamos realizados neste 2025, convertíase na lectora infantil con máis publicacións solicitadas na biblio. De preto, Antía Villar Pedre, de 6 anos, con 19 libros lidos, os mesmos que Ian García, de 3 anos. E completando o ránking lector, Carlota Abella, de 2 anos, e Matilde Lamas, de 13.

En canto aos maiores, os recoñecementos foron para Ana María Gil e Javier Madrazo, con 39 e 36 préstamos respectivamente.

O acto concluía coa foto de familia e unha invitación aos premiados para continuar convertindo a Biblioteca na súa segunda casa.