A Biblioteca Municipal amplía horarios
A partir desta semana, abre de 10 a 14 h e de 16 a 20 h
Valdoviño, 25 de setembro do 2025. A Biblioteca Municipal de Valdoviño recupera o horario de inverno, e dende esta semana, reabre as súas portas tamén de tarde. Así, poderá visitarse de 10:00 a 14:00 h e de 16:00 a 20:00 horas.
Fundada en 1994, e cunhas instalacións renovadas hai uns anos, constitúe unha das pezas fundamentais da casa da cultura. O centro conta entre os seus fondos cunha ampla colección bibliográfica que supera os 7.000 títulos. Dispón de espazo infantil e unha ampla sala de estudo, ademais dun servizo de préstamo en sala e a domicilio, sección local e hemeroteca.
Integrada na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, desenvolve ao longo do ano unha morea de actividades de dinamización e animación á lectura. Así, ás actividades do programa Ler conta moito, súmanse iniciativas propias como o Foro galego literario ou Son de aquí e escribo.
