A Biblioteca de Valdoviño anima á veciñanza a sumarse ao novo club de lectura
Os encontros, con periodicidade mensual, arrincarán a próxima semana
Valdoviño, 3 de novembro do 2026. A Concellería de Cultura pon en marcha un club de lectura na Biblioteca Municipal. Inicialmente, os encontros celebraranse cada mes, e a intención é arrincalos o próximo martes día 10 ás 19:00 horas. Sobre a mesa estará a lectura de “El maestro de almas”, de Irène Némirovsky. Así, a auxiliar de biblioteca, Carmen Iglesias, será a encargada de guiar este novo espazo literario, e xa avanza que en virtude dun acordo coa Biblioteca Provincial, o Concello disporá de exemplares suficientes de cada obra para facilitar o préstamo en cada sesión.
O club está dirixido a veciños e veciñas de 16 anos en adiante, e nesta primeira sesión presentarase a obra, animando á súa lectura. No segundo encontro, as persoas participantes poderán intercambiar as súas impresións ao redor da novela, e coñecer xa o título da seguinte lectura.
A participación é de balde, con inscrición previa, dende xa, na casa da cultura ou chamando en horario de 10 a 14 horas aos números de teléfono 981 487 666 e 645 305 229 ou de 17 a 19 h ao 689 283 249.
