A Biblioteca de Valdoviño acolle este xoves a proxección do documental “Cardoña, fotos a 7 pesetas”, con coloquio posterior co seu director

Con esta actividade, aberta ao público en xeral, inauguraranse oficialmente os talleres de estimulación cognitiva neste curso 2024-25

Valdoviño, 8 de outubro do 2024. A Biblioteca Municipal de Valdoviño acollerá este xoves a proxección do documental «Cardoña, fotos a 7 pesetas», do director Carlos Lorenzo, que ofrecerá unha charla complementando o pase. Será a partir das 11:00 horas, aberta ao público en xeral e coa asistencia dos veciños e veciñas inscritas nos talleres de estimulación cognitiva que organiza o departamento de Cultura. Deste xeito, inuguraranse oficialmente, cunha acción na que se traballará, e moito, a memoria.

O documental chega a Valdoviño da man do programa Ler conta moito que impulsa a Xunta de Galicia, e repasa a traxectoria do histórico fotógrafo José Gestal, «Cardoña», ao tempo que pon en valor o labor dos fotógrafos populares galegos. Precisamente, no coloquio posterior que Carlos Lorenzo ofrecerá ao público, animarase a recuperar e conservar os arquivos fotográficos familiares, testemuñas da nosa historia máis recente.

Tal e como sinala Lorenzo, José Gestal Cardoña pertence a esa longa nómina de ‘fotógrafos do pobo’ que nos deixaron en herdanza un imponderable legado documental da segunda metade do século XX.