A Biblioteca de Valdoviño acolle este luns un taller de creación de micro vídeos en formato stop motion sobre a violencia machista
Está dirixido a mulleres de calquera idade, con inscrición nos Servizos Sociais
Valdoviño, 24 de novembro de 2023. Valdoviño acollerá o vindeiro luns 27 o taller Stop Motion #DeFronte que impulsa a Área de Igualdade da Deputación da Coruña, e no que colabora o Concello. Na actividade, que se celebrará na Biblioteca Municipal de 10:00 a 12:30 horas, realizaranse micro vídeos en formato stop motion sobre a complexidade das violencias machistas en contextos nocturnos e de festa. Está dirixido a mulleres de todas as idades, e o proxecto inclúese na programación deseñada polas Concellerías de Cultura e Servizos Sociais para conmemorar o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. A participación é gratuíta, con inscrición previa nos Servizos Sociais Municipais -planta baixa da consistorial ou teléfono 981 48 70 41 ext.5-.
A actividade está formulada en positivo, e busca cuestionar mensaxes e hábitos que alimentan que as violencias sexuais sigan a reproducirse. Este será un dos 14 obradoiros que se celebren en toda a provincia, e a Deputación irá compartindo nas súas redes sociais os vídeos que se vaian realizando neles.