A Biblioteca acollerá o taller “Creatividade pola Igualdade: puntadas que rachan estereotipos”
Valdoviño é un dos seis escenarios da provincia onde se levará a cabo o obradoiro que promove a Biblioteca Provincial para nenas e nenos
Valdoviño, 25 de novembro do 2024. No marco do programa “Somos e Contamos”, a Biblioteca Municipal de Valdoviño acollerá este venres 29 de novembro ás 18:00 h o obradoiro “Creatividade pola Igualdade: puntadas que rachan estereotipos”. Trátase dunha iniciativa impulsada pola Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña, que seleccionou o noso municipio, xunto a outros cinco, como sede da acción. Está dirixida a nenas e nenos de 7 a 11 anos, que aprenderán a personalizar unha camiseta -que deben traer da casa, preferentemente, de cor branca-.
Ademais do aspecto lúdico, o obradoiro busca crear un espazo para compartir e asumir responsabilidades evitando estereotipos sexistas, educar en igualdade como instrumento para previr todo tipo de violencia cara as mulleres, potenciando actitudes de respecto cara ao feminino, sensibilizar actitudes de discriminación por razón de xénero, poñer en práctica valores como a igualdade en todas as súas vertentes, formar aos nenos e nenas en habilidades sociais, empatía, educación para a igualdade de xénero, promoción da igualdade, aumentar a súa capacidade creativa, fomentar o traballo cooperativo e a igualdade, ou desenvolver valores de respecto cara aos demais e ao medio.
As prazas son limitadas, con preferencia para rapazas e rapaces empadroados no concello, e a inscrición poderá formalizarse presencial ou telefonicamente nos teléfonos 981 48 76 66 e 645 305 229 do martes 26 ao xoves 28 de novembro, de 11 a 14 h e de 17 a 20 h, e o venres 29 de 11 a 14 horas.