A bandeira multicor loce na fachada da casa consistorial no Día da Diversidade Sexual
O Concello acollerá nos campamentos Concilia Tempos Verán un Obradoiro sobre diversidades afectivos-sexuais
Valdoviño, 28 de xuño de 2022. Baixo o lema Liberdade de Ser e de Sentir, a bandeira multicor loce hoxe na fachada da casa consistorial lembrando e celebrando o 28 de xuño, Día da Diversidade Sexual. Unha data para reivindicar e reafirmar o noso compromiso coa igualdade na diversidade e a xustiza social.
Así mesmo, o vindeiro 8 de xullo, os campamentos Concilia Tempos Verán, en Pantín, acollerán o obradoiro «A vida é de cores! Unha educación alén do branco e negro» sobre diversidades afectivo-sexuais para a cativada co obxectivo de favorecer o bo trato e os coidados, previr o rexeitamento e o auto-rexeitamento por motivos de orientación ou identidades e aprender a poñer límites e expresar os afectos de maneira saudable. Nel, participarán nenos e nenas de entre 5 e 7 anos, e inclúese na campaña que impulsa a Deputación da Coruña coa colaboración dos concellos polo 28 de xuño.
Por último, este mes remataron as sesións do proxecto Historias para contar que o Concello promoveu nos niveis de 3º e 4º da ESO, e nas que os rapaces e rapazas elaboraron e grabaron unha curtametraxe relacionada coa temática, co obxectivo de sensibilizar e visibilizar a importancia da tolerancia e a igualdade das persoas, independentemente da súa orientación sexual e identidade de xénero. Esta curtametraxe será presentada trala súa preparación, despois do verán.