A Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia pecha o prazo de preinscrición con récord de solicitudes de praza

O Concello recibiu 26 peticións para cubrir as 20 prazas ofertadas

Valdoviño, 20 de maio de 2022. O próximo mes cumpriranse 5 anos da inauguración da Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia. Comezaba a súa actividade con apenas 8 nenos e nenas inscritos, e pouco a pouco, este recurso de conciliación das obrigas laborais e o coidado dos nenos e nenas foise consolidando no municipio. Tal é así, que este curso batirá récord de solicitudes de praza, superando por primeira vez a demanda á oferta. Pechado o prazo de preinscrición presentáronse 26 peticións para nenos e nenas de entre 4 meses e 3 anos. 9 corresponden a reservas de praza para familias xa beneficiarias este ano do servizo, namentras que outras 17 son solicitudes de novo ingreso. Será preciso baremar para conceder as 20 prazas ofertadas, e a próxima semana publicaranse as listaxes de admitidos/as e excluídos/as. 

Nesta liña, o alcalde, Alberto González, avanza que o Concello de Valdoviño xa iniciou as xestións ante a Xunta para tentar ampliar o servizo, proxecto no que se traballa dende hai meses. 

As instalacións actuais sitúanse nunha contorna privilexiada, o paseo da Frouxeira, e o centro segue un proxecto educativo baseado no contacto permanente coa natureza e o propio territorio. Abre as súas portas de 8 a 16 h (xornada completa) e ofrece a posibilidade de media xornada (de 9 a 13 h), ou sumar horas soltas a esta última. Un recurso hoxe clave para as familias de Valdoviño.