A Asociación Morcegos de Galicia organiza unha charla sobre a especie Pipistrellus nathusii e un paseo guiado pola lagoa da Frouxeira
Para participar no roteiro, co que ver e escoitar morcegos, é preciso inscribirse previamente na casa da cultura
Valdoviño, 6 de outubro do 2022. A Asociación de Morcegos de Galicia convídanos a asistir a unha charla en Valdoviño sobre o proxecto Sonat co que busca implicar á sociedade no estudo da diversidade e da conservación no noso territorio da especie migratoria Pipistrellus nathusii. O coloquio celebrarase o martes 11 de outubro ás 18:00 horas no auditorio da Casa da Cultura, con entrada libre. A continuación, a asociación levará a cabo un paseo pola lagoa da Frouxeira para escoitar e ver morcegos dirixido a nenos e nenas a partir de 6 anos e persoas adultas. Neste caso, as prazas son limitadas e as persoas interesadas en participar deben inscribirse na Casa da Cultura -presencialmente ou no teléfono 981 48 76 66 dende xa e ata o martes ás 14:00 horas ou completar aforo-.
Segundo explica a asociación, a presenza da especie migradora Pipistrellus nathusii en Galicia foi confirmada por Morcegos de Galicia en 2021 (Arzúa et al., 2021). Galicia representa, deste xeito, o extremo sudoeste da área de distribución da especie a nivel mundial. Porén, os datos dos que dispoñemos ata o momento son moi escasos e limítanse a citas no periodo postreproductivo, cun único punto de presenza confirmada e varios puntos máis de presenza probable, todos eles distribuidos ao longo da costa. Descoñécese aínda a extensión da súa área de distribución e se esta presenta un carácter exclusivamente migrador ou hai exemplares residentes.
Co obxectivo de obter información que permita caracterizar espacial e temporalmente a poboación galega de P.nathusii, a entidade está a realizar mostraxes acústicas pasivas ao longo da costa galega tanto na época reproductora coma na postreproductora. Nalgúns dos puntos nos que se confirme a presenza da especie realizaranse estacións de captura co fin de obter datos poboacionais.
En todo este proceso integrarase a participación de persoas voluntarias nun equipo de ciencia cidadá que permita ampliar o esforzo de mostraxe e facer partícipe á cidadanía no estudo e conservación da biodiversidade.