A Asociación Española contra o Cancro e o Concello renovan o convenio para a promoción de Espazos Sen Fume en Valdoviño
Incorporan o parque de Lago ao mapa de puntos libres da exposición ao tabaco, e reafirman o compromiso de continuar coas campañas e programas de concienciación sobre os efectos do tabaquismo
Valdoviño, 8 de marzo de 2024. O alcalde de Valdoviño, Alberto González, e a vicepresidenta da Xunta Local da Asociación Española contra o Cancro en Ferrol, Mabel Sanesteban, asinaban onte un novo convenio de colaboración no marco do proxecto “Espazos sen Fume”. Xunto a eles, participou no acto a concelleira de Servizos Sociais, Rosana García. En virtude do mesmo, renovan a vontade de levar a cabo novas iniciativas e programas de divulgación e concienciación sobre os efectos do tabaquismo na saúde, promocionando á par hábitos saudables. Ademais, acordan continuar ampliando os “Espazos sen Fume” en Valdoviño, incorporando neste caso o parque de Lago.
Este convenio dá continuidade ao subscrito en 2021. Naquel entón sentábanse as bases dun traballo conxunto entre Administración e Asociación a favor da concienciación para lograr habilitar espazos sen fume. Froito dese labor leváronse a cabo diferentes campañas de divulgación sobre os efectos nocivos do tabaco sobre a saúde, e o Concello incorporaba todas as praias da localidade ao censo oficial de areais sen fume da Xunta. Co tempo, declaraba esta condición noutros espazos como os parques infantís ou as instalacións deportivas, e conxuntamente, procedíase á sinalización destas zonas.
Mapa de Espazos Sen Fume en Valdoviño:
-Parque da Frouxeira
-Parque de Marnela
-Campo Municipal de Fútbol Mourente
-Pavillón Municipal O Longoiro
-Anfiteatro da Casa da Cultura
-Praia da Frouxeira
-Praia de Outeiro
-Praia A Cristina
-Praia Mourillá
-Praia do Río
-Praia de Campelo
-Praia de Pantín
-Praia do Baleo
-Praia de Vilarrube
A declaración destes puntos como Espazos Sen Fume ten un carácter educativo e de promoción da saúde. Son recomendacións -sen sancións parellas ao seu incumprimento- cun impacto positivo na saúde, especialmente para os menores e fumadores pasivos, e tamén para o medio ambiente, xa que se eliminan as cabichas, que tardan máis dunha década en destruírse cun evidente efecto perxudicial sobre a natureza.