A Asociación Cultural Morreu o Demo trae a Valdoviño a expo Onde foi Barriga Verde?

A partir deste domingo, poderá visitarse con entrada libre de luns a venres de 11 a 14 h na Casa da Cultura

Valdoviño, 13 de decembro do 2022. A Asociación Cultural Morreu o Demo trae a Valdoviño a exposición «Onde foi Barriga Verde?». Unha mostra que nos leva ao comezo das actuais investigacións sobre o títere tradicional por excelencia en Galicia, destacando a escaseza de material conservado sobre a súa figura e amosando o proceso de esquecemento que se deu sobre ela. Deste xeito, e ao mesmo tempo, reivindica a recuperación de Barriga Verde como títere de luva da trandición europea, incorporando o personaxe ao imaxinario social das novas xeracións en Galicia do mesmo modo que están recoñecidos Guignol en Lyon ou Pulcinella en Nápoles. 

A mostra poderá visitarse ata o 15 de xaneiro na Casa da Cultura de luns a venres de 11 a 14 horas, e complementarase cun obradoiro de creación e manexo de títeres entre o alumnado do CRA O Esquío, o CPI Atios e a Aula de Maiores. 

A súa parada en Valdoviño é posible grazas ao apoio da Deputación provincial da Coruña.