A artista local Francesca Novo dá visibilidade ás mulleres diversas na súa primeira exposición: “Nosoutras somos arte”
Sorprende a súa técnica, que aúna o debuxo tradicional e os medios dixitais
«Nosoutras somos arte» é o título da nova exposición que alberga dende onte e ata o próximo 29 de novembro a Casa da Cultura de Valdoviño. Unha mostra coa que o Concello conmemora o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller e que asina a artista local Francesca Novo Madeddu. A exposición está protagonizada por mulleres diversas, que escapan dos estereotipos que marcan os cánones sociais dende todas as ópticas posibles. Mulleres reais. Con sobrepeso, con discapacidade intelectual, diversidade funcional, pertencentes a diferentes etnias… Mulleres que son auténticas obras de arte. Darlle visibilidade e normalizar a diversidade foi a inspiración para Francesca. 22 obras que sorprenden.
Igual que sorprende a técnica desta artista autodidacta. Francesca Novo inicia as súas obras cos tradicionais bocetos a lápiz e, a partir de aí, comeza o traballo dixital. Escanea a imaxe e, como ela sinala, pinta co teléfono móbil. Esmero e creatividade completan o proceso. Trae a Valdoviño a súa primeira exposición, a súa visión das mulleres non normativas e, precisamente, normalizar a diversidade é o seu fin.
Unha xove promesa de 21 anos, nacida en Tenerife e residente en Valdoviño dende hai xa seis anos. De seguro que dará moito que falar, tanto na arte dixital como noutros campos, xa que tamén traballa no seu primeiro cómic, que protagoniza precisamente unha das mulleres da mostra.
A exposición pode visitarse de luns a venres de 11 a 14 horas, e a entrada debe realizarse a través do Océano Surf Museo.