A Andada a Santo André que organiza o Concello de Valdoviño cumpre 25 anos neste 2026
A Concellería de Cultura abre inscricións na actividade
Valdoviño, 18 de setembro do 2026. O Concello de Valdoviño abre este luns 21 de setembro inscricións na XXV Andada a Santo André de Teixido. Será sen dúbida unha edición especial, xa que a iniciativa cumpre o primeiro cuarto de século de vida, e abría no seu día a porta a moitas outras iniciativas para reivindicar e poñer en valor o camiño. Deste xeito, dende hai 25 anos, a Concellería de Cultura anima á veciños e visitantes a unirse á peregrinación, dando a coñecer o valor patrimonial e etnográfico do percorrido, con especial atención aos recursos propios do itinerario ao seu paso por Valdoviño. Desta volta, a andada celebrarase o sábado 3 de outubro, con saída ás 8:00 horas do aparcadoiro sito fronte á Casa Joselito.
Haberá varios puntos de avituallamento, e como é tradición, realizaranse dúas paradas especiais na Ermida da Nosa Señora de Liñeiro -coñecida popularmente como a Capela da Fame- e máis no núcleo de Porto do Cabo. Son preto de 25 kms, que concluirán coa chegada ao santuario e o xantar. Así mesmo, o regreso está previsto para as 18:00 horas, en autocar.
As prazas son limitadas, con 2 modalidades de inscrición do 21 ao 27 de setembro:
-Na Casa da Cultura, de luns a venres de 10 a 13 h (cada persoa poderá formalizar un máximo de 3 inscricións)
-Vía online, a través da web municipal.
As prazas concederanse por orde inscrición, e farase unha lista de agarda coas persoas que ficasen sen praza. No caso de haber vacantes, contactarase telefonicamente os días 29 e 30 de setembro de 10 a 13 horas.
O prezo de inscrición é de 15 euros -e inclúe seguro, xantar e regreso en autocar-. Por último, sinalar que os menores de idade poderán asistir a partir dos 12 anos, contando con autorización de nai, pai ou titor/a legal, e debendo ir acompañados/as dunha persoa adulta se teñen entre 12 e 14 anos.
A iniciativa conta co apoio da Agrupación Local de Voluntarios de Protección Civil de Valdoviño.
