A Agrupación Local de Protección Civil de Valdoviño busca voluntarios e voluntarias

O presidente, Francisco Dopico, anima á veciñanza a comprometerse, adicando parte do seu tempo en beneficio da comunidade

Valdoviño, 28 de xullo do 2026. A Agrupación Local de Protección Civil de Valdoviño busca voluntarios e voluntarias, veciños e veciñas do municipio con ganas de comprometerse e adicar parte do seu tempo en beneficio da comunidade. Segundo o seu presidente, Francisco Dopico, non hai maior satisfacción que o traballo voluntario, unha labor que leva desenvolvendo dende hai máis de 40 anos. É o máis veterán da agrupación, xunto a Andrés Rey, con case que dúas décadas de entrega. A día de hoxe, Protección Civil Valdoviño conta cunha vintena de voluntarios e voluntarias, e a intención é sumar, xa que a cifra non sempre é suficiente para atender operativos e dispositivos. A isto súmase a necesidade de incorporar xente moza, que tome o relevo dos máis veteranos e veteranas cando sexa preciso.

Así, para formar parte da agrupación tan só é necesario residir no municipio e ter cumpridos os 18 anos. Deberán entón asinar o documento de incorporación e o compromiso de colaboración de forma altruísta e desinteresada. E, acto seguido, os voluntarios e voluntarias terán que superar o curso de formación básica para aspirantes que imparte a Academia Galega de Seguridade Pública gratuitamente.

Así, as persoas interesadas poden contactar directamente con Protección Civil no número 639 10 76 71 para solicitar máis información ou pedir directamente a adhesión.