A agrupación DalleKeDalle de Valdoviño Cultura Extrema estrea a peza musical “RE-CICLAN-DO” este domingo no auditorio

Farán soar apeiros de labranza e outros elementos cotiás, converténdose nos instrumentos da formación para a interpretación da composición
Valdoviño, 11 de maio do 2023. O auditorio da Casa da Cultura acollerá este domingo 14 de maio a estrea da peza musical «RE-CICLAN-DO». Oito percusionistas da agrupación DalleKeDalle farán soar apeiros de labranza tan nosos como os sachos coa vista posta na conmemoración, o vindeiro martes, do Día das Letras Galegas e do Día Internacional da Reciclaxe. Unha composición duns 10 minutos ideada por Nacho Sanz, profesor do grupo de batukada da Asociación Valdoviño Cultura Extrema, que se foi nutrindo das aportacións dos seus alumnos e alumnas nas clases que cada sábado, de 11 a 12,30 h, celebran na Escola Municipal de Música en Sequeiro. Unhas clases con inscrición aberta durante todo o ano.
A música está en todas partes, e nesta ocasión, DalleKeDalle crearáa para todos nós ofrecéndolle unha segunda vida non só a apeiros como sachos e rastrillos, senón tamén a outros elementos cotiás como colectores ou bolsas do lixo. Unha actuación con entrada libre, este domingo a partir das 19 horas.