A 0IV edición do Festival De Cero a Cen celebrarase este domingo en Lago co circo e a música como platos fortes do programa

Dirixido a un público familiar, desenvolverase na pista deportiva con 2 propostas: ás 12 h, concerto de Música Miúda, e ás 19 h, actuación do clown Javi Javichy

Valdoviño, 21 de xuño de 2022. O Concello de Valdoviño convida a nenos/as e maiores a asistir a unha nova edición do Festival De Cero a Cen. Será a 0IV, tendo presente o parón forzado pola covid-19. Celebrarase este domingo na pista deportiva de Lago, xunto ao parque infantil e o local social, enfocado principalmente ao público familiar e con 2 propostas de luxo. A primeira, ás 12:00 horas, concerto coa banda Música Miúda. A segunda, a partir das 19:00 horas, o espectáculo de circo «Plato, platito, platete» a cargo de Javi Javichy, recoñecido co primeiro premio no Festiclown 2005-Festival Internacional de Clown de Galicia, entre outros galardóns.

Música Miúda ofrecerá un espectáculo de música eléctrica para toda a familia cunha morea de cancións para cantar e bailar como as de Bemol Pequeno, a meiga Xela, o dinosaurio Pepón…

Así mesmo, Javi Javichy, con máis de vinte anos de espectáculos por todo o mundo, buscará de novo na súa actuación a risa en todo momento, utilizando os gags máis clásicos combinando rutinas de circo con pratos de porcelana, chapeus, caixas de puros, e acabando cun arriscado numero de rulo americano que non deixará indiferente a nenos e nenas nin a maiores.