24 parellas tomarán parte este sábado na xincana Valdoviño Comercio Explorer

As que contesten correctamente ás preguntas formuladas polos comerciantes e completen o percorrido no menor tempo optarán a 3 cheques de 200 euros canxeables nos negocios adheridos á campaña

 Valdoviño, 7 de decembro de 2023. Un total de 24 parellas disputarán este sábado a primeira edición da Xincana Valdoviño Comercio Explorer. Trátase dunha iniciativa de dinamización do comercio e actividade profesional da Porta do Sol e área de influencia que porá o broche de ouro á campaña de promoción en redes «Comercio de Valdoviño, o da casa» impulsada durante o mes de novembro e primeiros de decembro polo Concello e os 30 negocios locais adheridos. Unha campaña protagonizada polos homes e mulleres que levantan a diario a persiana dos seus establecementos, na que compartiron as historias dos seus negocios. Coa xincana deste sábado, convidan a veciños e veciñas a visitar os locais, responder ás preguntas que lles formularán sobre a súa actividade e resolver un enigma final para o que se foi dando pistas nas redes. As parellas anotadas iniciarán ás 10:00 horas o percorrido, repartidas entre 2 emprazamentos: Herrería Jaime e Rainbow Idiomas. Deberán visitar 9 negocios e anotar as respostas ás cuestións que lancen os comerciantes. Completado o itinerario, deberán acudir á casa da cultura, onde se parará o tempo e planteará o enigma final. 

As 3 parellas que completen con éxito o cuestionario, resolvan esa pregunta final e o fagan no menor tempo gañarán un dos 3 cheques agasallo por valor de 200 euros canxeables ata o 24 de decembro -incluído- nos negocios adheridos. Unha axuda para as compras de Nadal, no comercio local, o da casa. Así mesmo, cada parella participante recibirá como premio á participación un detalle solidario, unha bola decorativa de Asotrame, deseñada pola ilustradora Laura Molero. 

Ademais, os establecementos participantes estarán perfectamente identificados, xa que lucirán na entrada unha alfombra vermella e unha árbore LED que o Concello de Valdoviño entregaba ao longo desta semana. 

Participan na iniciativa: Herrería Jaime, Frutas Chantarela, Electro Agro Valdoviño, Gran Casa China, Asesoría Tax, Mapfre, Lavandería Valdoviño, Farmacia Casariego, Aliprox, Muebles Valdoviño, Electrodomésticos Nito, Agrogar, Frutas y Hortalizas Nieves e Hijo Juan, Despeluxada Peluquería, Clínica Dental Couce, Con fío de Inés, Ultramarinos Josvy, Talleres Casiano, Clínica Podológica Inés Ferreira, Farmacia Portela, Dia, Pescadería A Nosa Ría, Rainbow Idiomas, Rehafis, Fisioterapia y Salud, Maranello Estilistas, A Tenda da Morriña, Floristería Luz, Librería Xeila, Confitería Campeiras, Loterías Chamba.