14 mulleres completan en Sequeiro a fase teórica práctica do itinerario “Agricultura ecolóxica” do Programa Integrado de Emprego
A primeira fase da acción desenvolveuse no local social, que se estreaba como centro homologado de formación
Valdoviño, 6 de xuño de 2024. Un total de 14 mulleres completaban estes días en Sequeiro a primeira fase do Itinerario formativo de Agricultura Ecolóxica do Programa Integrado de Emprego que promove a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol co financiamento da Consellería de Emprego e do Ministerio de Traballo e Economía Social. A acción desenvolvíase na antiga unitaria de Sequeiro, e hoxe local social, que se estreaba así como centro homologado de formación. Foron 97 horas de aprendizaxe teórico práctico, xa que as participantes, das que 2 mulleres son veciñas de Valdoviño, tamén tiveron a ocasión de realizar prácticas na parcela anexa ás instalacións.
Máis polo miúdo, o itinerario ofreceu 5 especialidades:
- Agricultura ecolóxica (30 horas)
- Fertilización en agricultura ecolóxica (20 horas)
- Defensa contra pragas e enfermidades en agricultura ecolóxica (20 horas)
- Explotacións agrarias na agricultura ecolóxica (12 horas)
- Semente de pebideiros (15 horas)
E, ademais da formación en aula, tamén se celebraron dúas visitas didácticas á Escola de Agricultura Ecolóxica da Asociación A Raíña, en Vilasantar, e á Explotación de Agricultura Ecolóxica de Bieiteiras, nas Pontes.
O itinerario entra agora nunha nova fase, e cinco das alumnas que decidiron realizar as prácticas profesionais non laborais farano nos próximos días nas instalacións da empresa Agronuquel.