10 persoas desempregadas reciben formación para o emprendemento cooperativo en Valdoviño

O programa continuará desenvolvéndose por todo o territorio da Mancomunidade

A Casa da Cultura de Valdoviño acolle esta mañá unha sesión formativa para o emprendemento cooperativo dirixida a persoas desempregadas participantes no Programa Integrado de Emprego e impulsada pola Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol. Inaugurada polo alcalde, Alberto González; o xerente da Mancomunidade, Luis Alcalá, e a concelleira de Servizos Sociais, Ana Pérez, forma parte dun ciclo de xornadas formativas, e celébrase despois de que o ente supramunicipal retomase recentemente a atención presencial da Oficina Local de Fomento Cooperativo, integrada na Rede Eusumo da Consellería de Emprego e Igualdade. O seu obxectivo non é outro que potenciar a creación de entidades de economía social, estimulando e apoiando a xeración de novos proxectos.

Estas accións acompáñanse dunha serie de obradoiros, como o celebrado en Valdoviño, que dan a coñecer a fórmula cooperativa á poboación desempregada da comarca, e que se inclúen no programa “Sementeiras no emprego”, que pretende implantar o xerme cooperativista como unha vía accesible ao emprego de calidade.

Nesta liña, a Oficina Local de Fomento Cooperativo convocará máis obradoiros abertos ao público xeral. Todas aquelas persoas interesadas, tanto en participar nestas actividades coma en emprender na economía social, poderán solicitar información á Oficina a través do telefono 981 944 000 (ext. 698) ou directamente ao teléfono móbil 722 253 762, de xeito totalmente gratuíto. Realizaráselles unha análise da idea de negocio, acompañamento e información sobre vantaxes fiscais, subvencións, axudas, trámites ou oportunidades de mercado.

O persoal técnico da Mancomunidade atenderá, previa cita, estas solicitudes presencialmente no Centro de Emprego Ferrol (ao carón da estrada de Catabois) ou en calquera dos concellos que a constitúen.  Tamén se pode seguir a actividade da Oficina Local de Fomento Cooperativo a través das redes sociais en Twitter, LinkedIn e Facebook  baixo a marca de “Cooperativismo Ferrolterra”.

As cooperativas e sociedades da economía social adáptanse para conservar o emprego dos seus traballadores mellor que as sociedades limitadas e anónimas, polo que diversos estudos sinalan que son a mellor fórmula xurídica para a constitución de empresas en tempos de crise. Encontrámonos ademais cunha interesante tradición de cooperativismo e economía social na nosa comarca. No concello de Valdoviño concretamente contamos con entidades de grande relevancia como a Cooperativa de Meirás, a Cooperativa de Vilaboa ou a Cooperativa de Lago, que axudan á creación de novas cooperativas mediante as súas seccións de crédito.