0III Concerto de Cero a Cen este domingo con Xoán Curiel e a Banda do Verán e o seu espectáculo musical A Casa do Terror

Dende o Concello anímase a nenos e nenas a acudir disfrazados para desfrutar da contorna terrorífica que se recreará no parque de Lago

O Concello de Valdoviño celebra este domingo a 0III edición do Concerto de Cero a Cen con Xoán Curiel e a Banda do Verán e o seu espectáculo A Casa do Terror. Será no parque de Lago, a partir das 19,30 horas. As persoas interesadas en asistir poden retirar a súa invitación na Casa da Cultura entre as 10 e as 14 horas de hoxe, mañá mércores ou venres -ou ata completar prazas-. Unha proposta que chega a Valdoviño co apoio da Deputación, a través da Rede Cultural. 

Aínda que a cita musical dará comezo ás 19,30 h, xa dende as cinco e media da tarde a contorna lucirá unha «escenificación terrorífica» acorde coa temática do concerto. Así, haberá varios decorados para fotografarse, con bruxas incluídas, polo que dende o departamento de Cultura anímase aos nenos e nenas a acudir disfrazados e deixarse contaxiar pola temática da proposta. 

O proxecto “Concertos de cero a cen” comezou no ano 2018, continuou no 2019, e viuse interrompido en 2020 pola pandemia. Un feito que o Concello non quere que pase desapercibido, polo que nesta terceira edición, leva por título 0III Concerto de Cero a Cen, en referencia a esa edición non celebrada.

A Casa do Terror baséase no libro-CD do mesmo nome. Un proxecto musical cheo de rock e de terror trouleiro que se desenvolve entre cancións, danzas, elementos teatrais ou de clown e que activa o público que os ve, axudando a minimizar o medo nas crianzas. A perspectiva do terror abórdase neste espectáculo dun xeito divertido e lévase a cabo a través de personaxes como os gativampiros, o monstro da lavadora, a pantasma con asma e moitas máis! 

Así mesmo, está pensado para público familiar, xa que as referencias á música dos 80 e 90 están moi presentes.