Sesión de cine nocturno este xoves en Meirás co filme “O Bosque animado”
O Concello de Valdoviño convida a nen@s e maiores a unha sesión de cine ao aire libre nocturno este xoves. Celebrarase a partir das 22,45 horas no campo da festa de Meirás, que se converterá por unhas horas nunha sala de proxeccións para acoller o pase do filme de animación «O Bosque animado». Unha actividade incluída na Rede Cultural da Deputación provincial da Coruña.
A entrada é de balde, pero precísase retirar invitación previamente na Oficina Municipal de Turismo sita na Porta do Sol -un máximo de 5 por persoa-. Así, pódese facer hoxe luns 6 de xullo, mañá martes día 7 e mércores día 8 entre as 11 e as 17 horas.
Así mesmo, o Concello de Valdoviño axustarase en todo momento á normativa vixente en relación á prevención da Covid-19. Nesta liña, decidiu programar as actividades ao aire libre, delimitando os espazos e adaptándoos ao aforo permitido. O uso de mascarillas será obrigatorio naquelas actividades nas que non se poida manter a distancia de seguridade, e o Concello recomenda o seu uso xeneralizado en todas elas. Ademais, cando a Área de Cultura decida que a actividade de exterior pase a realizarse no auditorio da Casa da Cultura, só poderán asistir aquelas persoas que teñan a invitación.
Por último, e no caso de que sobrasen invitacións, estarán a disposición do público o mesmo día da actividade e repartiranse por orde de chegada das persoas interesadas. De igual xeito poderán ser dispostas para o seu uso aquelas cadeiras que non fosen ocupadas polas persoas que tendo invitación non acudan á actividade ou chegasen tarde ao acto. Non se admitirán as reclamacións por estas circunstancias.