O Concello estenderá o servizo de saneamento en Meirás e mellorará a estrada de baixada a O Ariño
O alcalde, Alberto González, informou esta mañá de que o Concello investirá 212.873,96 euros procedentes do POS Adicional da Deputación provincial da Coruña nunha intervención para mellorar o saneamento en Meirás e acondicionar un dos principais viais en Pantín.
No primeiro caso, a actuación consistirá na posta en marcha da estación de bombeo da Cubeta, o que permitirá ampliar o servizo de saneamento aos lugares de Fornos e Pallotas, na parroquia de Meirás. Para iso, será preciso a instalación das correspondentes bombas –cuxa sustracción denunciou no seu día o Concello ante a Garda Civil, aínda que nunca chegaron a funcionar, xa que a instalación carecía de suministro eléctrico, situación que tamén se remediará con esta intervención-.
No caso de Pantín, o Concello proxecta unha intervención de mellora da estrada de baixada ao Ariño. Un vial moi frecuentado, xa que dá acceso directo á praia de O Rodo, escenario do Pantín Classic e un dos areais máis visitados durante todo o ano. Así, procederase ao seu aglomerado dende o seu inicio no areal ata a estrada xeral, así como o acondicionamento da senda peonil que discorre paralela.