A Deputación da Coruña vén de comunicar ao Concello a redacción do proxecto da senda ciclista ao faro de Punta Frouxeira
A Deputación da Coruña vén de comunicar ao Concello a adxudicación por 45.051,94 euros da redacción dos proxectos técnicos para a construción das Sendas dos Faros, unha das iniciativas incluídas no Plan Director de Mobilidade Ciclista da institución provincial no que se inclúe Valdoviño.
A adxudicación supón o inicio da redacción dos proxectos de obra de sendas ciclables que conectarán 11 faros das comarcas de Ferrolterra, Ortegal, Costa da Morte e Muros cos seus núcleos de poboación máis cercanos. Entre eles, Punta Frouxeira, deseñándose un itinerario de senda ciclista apoiado na rede viaria, cunha lonxitude de 8 kms e cun ancho aproximado de 2 metros.
O investimento conxunto estimado para facer realidade este proxecto ascende a 5,1 millóns de euros. Para o desenvolvemento do mesmo solicitouse financiación a través dos fondos FEDER, en concreto ás axudas que convoca o IDAE (Instituto para la Diversificación y el Ahorro Energético ) dentro do marco das Axudas a Entidades Locais para proxectos de inversión no ambito da economía baixa en carbono.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, sinalou que con este proxecto, a institución provincial pretende potenciar os faros das comarcas de Ferrolterra e Costa da Morte e Muros e seu valor cultural, patrimonial e paisaxístico, fomentando ao mesmo tempo unha mobilidade máis sustentable e respectuosa co medio ambiente na provincia, aplicando un modelo que, ademáis de servir como elemento de vertebración do territorio, axude a dinamizar o turismo.