A xogadora internacional de balonmán Alicia Fernández Fraga, mellor deportista da primeira Gala do Deporte de Valdoviño
O seu currículum abruma. Internacional coa selección nacional de balonmán, campiona da Liga española, da Copa da Reina, da Supercopa e, no 2018, subcampiona da Copa Romaniel, en Romanía, onde xoga na actualidade. A xogadora de balonmán Alicia Fernández Fraga foi elixida este venres a mellor deportista local na primeira edición da Gala do Deporte de Valdoviño. Agradecía o premio na distancia, a través dunha mensaxe en vídeo que se proxectou no auditorio da Casa da Cultura, xa que non puido viaxar á súa localidade.
A sala quedouse pequena para albergar a gala, presidida polo alcalde, Alberto González, e conducida polo xornalista Raúl Salgado. Coa mesma o Concello quería recoñecer os méritos e valores dos deportistas locais, tal e como apuntaba Sergio Saavedra, concelleiro de Deportes, para agradecer o traballo do departamento municipal. Tamén dos clubes e entidades, que se volcaron coa cita e presentaron as súas candidaturas, e máis dos integrantes do xurado -Juan Quijano (Diario de Ferrol), José Valencia (La Voz de Galicia), Santiago Rey (Cadena Cope), Adán Puentes (Galicia Ártabra Digital) e o propio Raúl Salgado (Cadena Ser e Ferrol360)-.
A elección foi complexa, segundo apuntaba o rexidor, xa que Valdoviño destaca tanto pola canteira de deportistas como por aqueles cunha traxectoria plagada de éxitos e, sobre todo, polos veciños e veciñas que viven e traballan pola promoción do deporte tanto en Valdoviño como noutros concellos.
Así, a I Gala do Deporte de Valdoviño concedeu un total de 18 distincións especiais: Iván Castro (promesa); Roberto Lorenzo (traxectoria deportiva); Roberto Testa (xestión deportiva); Óscar Beceiro (mérito deportivo); Óscar Montes (proxección); Beatriz Seijas (traxectoria); Adrián Orjales (mellor progresión); Aroa González (promesa); Yolanda Hermida (mérito deportivo); Adrián Hermida (mérito deportivo); Marcos Pita (mellor adestrador); Meirás CF (mellor clube); Jesús García (adicación ao deporte); Iván Sedes (a superación); Océano Surf Club (evento deportivo histórico); Asociación de Carrilanas (labor deportiva) e Cadete Amistade Meirás (mellor equipo).
Así mesmo, o Concello tamén recoñeceu aos mellores deportistas locais nas diferentes especialidades: Javier Rodríguez e Irene Vázquez (atletismo); Miguel Romero (baloncesto); Unai Ameneiros (Body Board); David Iglesias e Nicolasa González (caza); Laura Testa e Manuel Carneiro (fútbol); Jacobo Lamas (fútbol sala); Candela Pérez (ximnasia rítmica); Andrea Penín (karts); Blanca Hermida e Mario Maneiros (natación); Aldara Ferreira (patinaxe artístico); Sandra Dopico e José Enrique Díaz (pesca); Cristina Rodríguez López e Marcos Peña Blanco (remo olímpico); Adrián Rodríguez (surf); Iván Pita (tenis); Sara Santiago e Martín Núñez (tiro con arco); Sabela Caneiro e Juan González (triatlón) e Roberto Bonome (waterpolo).
Galería de imaxes: I Gala do Deporte.