Historia
Probablemente o que hoxe coñecemos como Valdoviño foi poboado xa hai seis mil anos, unha longa historia á que damos repaso nos seguintes apartados:
Os castros, A romanización, Idade Media, A creación do Concello de Valdoviño, Tempos Modernos, Un século de cambios políticos, Concello turístico.
Os castros
Os primeiros pobladores do que hoxe é Valdoviño remóntanse probablemente ao cuarto milenio antes de Cristo, época da que se atoparon os primeiros monumentos funerarios, dispostos ao longo do actual camiño de San Andrés.
Os numerosos restos dunha civilización castrexa reflicten a importancia dos asentamentos na zona, con pequenos núcleos de poboación fortificados, cunha economía baseada na extracción de recursos naturais nas proximidades e na produción de cultivos con técnicas rudimentarias.
Os castros ubicados en Valdoviño formaban parte dun “populus” integrado na tribu dos Ártabros, grupo con identidade política e marco territorial (a Terra de Trasancos) propios.
Xeograficamente nos castros de Valdoviño distínguense dúas zonas: unha superficie de aplanamento ao oeste, onde os asentamentos buscan a proximidade ás zonas baixas de cultivo, polo que hai unha maior concentración do hábitat; e unha zona de relevo máis accidentado ao leste, onde o hábitat castrexo é máis disperso, ocupando as escasas zonas de val, centradas principalmente na costa.
A morfoloxía desta última vai ser en boa parte responsable do número de asentamentos litorais e da súa tipoloxía. A súa importancia radica, posiblemente, en que cumpran unha dobre función: estratéxica-defensiva e comercial, aínda que tampouco se pode esquecer a súa capacidade para captar recursos marítimos (marisqueo e pesca).
A romanización
A chegada dos romanos está propiciada polos xacementos de ouro, prata e estaño e supón un pulo tecnolóxico decisivo para o desenvolvemento da sociedade castrexa. Os cambios adoptados varían por completo o tipo e ordenación dos asentamentos, tanto nos aspectos culturais, como sociais e económicos.
A interacción amósase perfectamente na zona do Poulo, onde se localizou un conxunto de explotación agrícola que incluía edificios romanos, castrexos e mesmo anteriores, a partir dun asentamento primitivo.
Dende mediados do século I ao III d.C. desenvólvese unha etapa de asimilación e transformacións no poboado. Créanse cidades e novos núcleos rurais, entre os que están Libunca e Adóbrica na zona do Golfo Ártabro.
O historiador Leandro de Saralegui apuntou a posibilidade de que Adóbrica estivera situada en Valdoviño, de aí a gran cantidade de restos arqueolóxicos romanos atopados no lugar do Poulo. Tamén Souto Vizoso sinala a aparición de numeroso material romano na mesma zona: moedas, ladrillos, cerámica, sartegos, etc.
Os séculos III e IV marcan o desenvolvemento dun novo tipo de hábitat, máis disperso: as villae, residencias familiares e/ou granxas de explotación agropecuaria, que se caracterizan pola capacidade productiva da terra, as boas comunicacións, a situación a media ladeira ou a orientación adecuada cara aos puntos de máxima insolación. Esas condicións dabanse no Foro, Aviño, onde en 1946 localizáronse unha columna e un capitel romanos. Os investigadores pensan que tal vez se trate de un xacemento de tipo villae.
Idade Media
A principios do século XII constrúense igrexas en San Mamede e Santa Eulalia, con pequenos núcleos de poboación entorno a elas. Pouco despois lles seguen Sequeiro, Lourido, Lago, Timiraos, As Neves, Taraza e Valdetires.
A organización territorial nestos momentos do medievo defínese nun pequeno núcleo habitado cos seus terrazgos e espacios incultos. A vila está integrada por un conxunto de casais (casa e horta). Loira, Crecente, Sequeiro ou Frádigas son exemplos de núcleos medievais.
O Valdoviño medieval progresa grazas ao fervor relixioso que percorre o camiño de San Andrés de Teixido, xerador dunha infraestrutura para os romeiros e comerciantes.
O outro gran factor de crecemento son ás actividades marítimas, especialmente as pesqueiras, controladas polos nobles locais (Mandiá, Lago, Piñeiro e Andrade), e nas que inflúen considerablemente as técnicas de conserva introducidas polos monxes do císter. A finais do século XIII existía no Porto (Meirás) unha factoría de despece e salazón de balea.
A partir de 1369 a maior parte do actual territorio municipal pasou a ser gobernado pola casa de Andrade, que lle quita a administración á casa dos Traba.
A creación do Concello de Valdoviño
En 1733 o territorio pasa da casa de Andrade á propiedade da Coroa de España.
Máis de cen anos despois, en 1856, a Coroa subasta a lagoa de Valdoviño e o seu entorno, terreo adquirido por José Pardo Bazán (pai da afamada escritora) por 91.000 reais.
Coa creación de concellos xurden en 1821 os de Valdoviño e Pantín, aínda que parece que non chegaron a funcionar como tal, tendo que agardar pola aparición oficial do Concello de Valdoviño ata o 20 de xuño de 1836, data da súa aprobación no Boletín Oficial da Provincia da Coruña.
Sobre o nome de Valdoviño, que non coincide co de ningunha entidade de poboación existente, hai varias teorías, sendo a máis seguida a que di que procede de Val do Aviño, nome dun regueiro do municipio.
O Concello establece a súa sede en San Bartolomé de Lourido, nun edificio convertido posteriormente en cárcere municipal.
A primeira referencia existente sobre un alcalde de Valdoviño non aparece ata 1840, sendo o citado don José Sanjurjo Montenegro.
A historia de Valdoviño continúa sen que se produzan acontecementos especialmente salientables, ata que en 1890 son enviados dende A Coruña un grupo de mercenarios para acabar cos membros do Partido Liberal.
Tempos modernos
Co efervescente século XX xurden moitas novidades, que pouco a pouco tamén chegan a Valdoviño. Entre elas está a aparición do automóbil, utilizado xa en 1915 como correo dende Ferrol.
En 1917 teñen lugar dous acontecementos importantes. Por unha banda abóanselle á condesa de Pardo Bazán 300 pesetas como pago polos terreos onde se contruirá a escola de Lago.
Por outra constitúese en Meirás a Sociedade de Seguros do Gando, entidade que un ano despois se converte no Sindicato Católico Agrario e nos anos 40 en Cooperativa de Meirás. Xa dende a súa fundación conta cunha sección de crédito, algo non moi común naqueles tempos. O seu promotor é o vilalbés Misael Prieto García, párroco de Meirás tralo pasamento do cura anterior, o seu tío Baltasar.
Outro sector que emerxe é o mineiro, co comezo en 1930 da extracción de pirita arsénica de prata e aurífera nunha mina de Valdoviño. Sen embargo esta actividade abandónase uns anos despois.
A importancia estratéxica do litoral valdoviñés constátase coa instalación, a finais dos anos vinte, das baterías militares de Campelo, cos canóns Vickers United de calibre 38,1 e 17 metros de lonxitude. Algo máis dunha década despois procédese a desmontar os canóns, trasladados a Alxeciras, e substituílos por baterías antiaéreas.
O municipio medra e a Porta do Sol aséntase como centro neurálxico: en 1942 instálanse as tres farolas que inauguran a iluminación pública, pouco tempo despois de que chegase o subministro de enerxía eléctrica ao concello.
As melloras atinxen tamén o tempo de lecer. En 1948 comezan a funcionar os primeiros cines de Valdoviño: o da Cooperativa de Meirás, activo ata 1973, e o Robles, o máis lonxevo do municipio, que pecha o día de Nadal de 1978.
A oferta audiovisual crece coa aparición do cine Paraíso, en Lanzós, inaugurado en 1950 cunha película de Xan das Bolas, á que segue Os dez mandamentos. O dono, Vicente Teijeiro Cancela, facía funcionar o proxector coa enerxía xerada por unha minicentral que recollía a auga próxima. A sala, antiga dependencia municipal, pechou as portas en 1963.
O baleiro deixado polo Paraíso ocupouno o cuarto cine local, o Puerta del Sol, da empresa Robles-Fraga. Inaugurado en 1964 coa proxección de Taras Bulba, ten unha vida corta, dez anos, nos que destaca especialmente polas actividades de revista, con actuacións de famosos da época como Pepe Blanco, Pepe Mairena ou Antonio Machín.
A mediados dos anos sesenta apróbase a construción das primeiras beirarrúas na mesma Porta do Sol, cun orzamento de case 450.000 pesetas.
Tempo despois chegarán o servizo da traída de augas das Forcadas (1974) e o mercado municipal (en 1977), e xa en 1994 a Casa de Cultura e o Faro da Frouxeira.
Precisamente nos cantís próximos ao faro ródase nese mesmo ano 1994 A morte e a doncela, unha película dirixida por Roman Polanski e protagonizada por Sigourney Weaver e Ben Kingsley. O prestixioso director percorrera toda a costa oeste e norte da península na busca dunha paisaxe que lle lembrase a Chile, escenario da película.
Un século de cambios políticos
Voltando á década dos 30, a situación política é especialmente intensa en toda España. En 1931 proclámase a Segunda República, con Valdoviño adiantándose ao resto de concellos. O día 11 de abril celébrase un Pleno en Valdoviño no que se aproba a compra da bandeira republicana e a súa proclamación.
O día seguinte, 12 de abril, teñen lugar as eleccións municipais das que sairá proclamada a Segunda República. O alcalde elexido en Valdoviño é José López Rodríguez*, que toma posesión provisional ás seis do serán do 15 de abril, co escritor e posterior candidato á presidencia de Chile Augusto D’halmar como testigo do acto.
Curiosamente a inestabilidade política da época amósase tamén na ubicación da propia Casa do Concello, que se traslada en varias ocasións dende Pazos a Lanzós, e viceversa. Eses movementos non cesarán definitivamente ata que, xa no ano 1966 (o 10 de abril), se inaugure a actual Casa do Concello, obra proxectada por Rodolfo Ucha vinteún anos antes.
O desatino chega a tal punto que entre outubro e decembro de 1934 hai dous alcaldes distintos, dúas corporacións distintas e dúas casas do Concello distintas. Ten que intervir o Gobernador Civil.
A pouca unanimidade existente chega na votación de xuño de 1936 para aprobar o Estatuto de Galicia, referendado por un 88 por cento dos votantes.
A chegada da Guerra Civil obriga a fuxir ao último alcalde repúblicano, Frutos Burgos*, cesado ao igual que Reinaldo Sarria Delgado, o seu primeiro tenente de alcalde. No seu posto é nomeado Nicolás Pazos*.
Tanto Burgos (de Pantín) como Sarria (de Valdoviño) están tamén na listaxe de mestres destituídos, xunto con José Ambrós Gordillo (de Vilarrube, posteriormente fusilado), Alfredo López González (de Sequeiro) e Joaquín Pérez Garre (de Vilaboa).
Durante a dictadura sucédense os alcaldes, ata chegar en 1979 a Manuel Villarnovo Martínez*, que ten a honra de ser o primeiro rexedor da democracia. Pola súa banda, Elisa Garrido Cantarero* convírtese en 1995 na primeira alcaldesa da historia de Valdoviño.
* Máis información no apartado de Alcaldes anteriores.
Concello turístico
Durante o último século producíronse unha serie de acontecimientos que convertiron a Valdoviño nun dos referentes turísticos do norte da provincia da Coruña.
Un par de anos antes de que estalase a Guerra Civil construíanse na praia da Frouxeira as primeiras 24 casetas para que os usuarios puideran cambiarse e gardala roupa. Os prezos eran de 60 pesetas pola tempada enteira, de 1,50 pesetas por día e de 25 a 40 céntimos por hora.
Loxicamente eran outros tempos. En 1940 colócanse no mesmo areal da Frouxeira carteis indicadores das zonas de baño para homes e para mulleres. Pasaría moito tempo máis antes de que houbese en Valdoviño praias nudistas. Xa entrando na democracía O Baleo ocuparía ese lugar, aínda que ata o ano 2010 non houbo unha praia recoñecida como naturista dende o propio Concello. Nesta ocasión foi declarada como tal a recollida cala de Porto Carrizo.
Un paso clave para consolidar o proxecto de praia foi a doazón dos terreos do entorno da Frouxeira por parte da condesa de Cavalcanti, en xullo de 1963. Aquí construíuse o local de La Rotonda e o aparcadoiro municipal.
Cinco anos despois apróbase a construción da caseta de socorrismo da mesma praia. As melloras nos servizos non pararán ata acadar en 1993 a Bandeira Azul, símbolo das praias de calidade e respectuosas co medio ambiente.
Nos últimos anos Valdoviño conseguiu incluír ata cinco areais diferentes nesa prestixiosa listaxe: Meirás, A Frouxeira, Pantín, O Baleo e Vilarrube.
Precisamente o interese polo medio ambiente e o mantemento natural das praias desbotan en 1974 a idea de crear unha industria celulosa, proposta dunha empresa guipuzcoana para Pantín.
Dúas duras probas para o medio son as catástrofes do Urquiola e do Prestige, que enchen de petróleo todo o litoral e obrigan a pechar o acceso á lagoa da Frouxeira. Precisamente a relación do home con este espazo natural é moi intensa durante todo o século XX, con aperturas manuais por parte dos veciños, nos momentos en que a crecida da lagoa anegaba as terras próximas.
Nos últimos anos a loita a prol da conservación da natureza refórzase coa protección dos espazos, integrados en Rede Natura, territorio ZEPA ou zona Ramsar. Un esforzo que, sen dúbida, permitirá seguir facendo historia.