Festas
A recoñecida tradición festeira galega cúmprese en Valdoviño, unha terra na que son moitas as festividades celebradas, tanto parroquiais como doutra índole. O Concello colabora aportando o seu grao de area para que non haxa época do ano nin lugar sen atracción.
Baixada de Carrilanas
Non é o Gran Premio de Mónaco, pero a data de celebración da Baixada de Carrilanas a San Mamede está sinalada en vermello no calendario dos amantes da velocidade (e do Campionato de España)... ou da excentricidade.
A Asociación de Baixada de Carrilanas organiza esta carreira na que preto dun cento de vehículos sen motor, e construídos cos máis diversos materiais e formas, baixan 1.300 metros ata chegar á capela de San Mamede, onde os mellores nos apartados de velocidade, simpatía e construcción artística recibirán os premios correspondentes. O resto levarán o recordo do agarimoso aplauso dos milleiros de persoas que se achegan ás beiras da pista para ver as súas evolucións.
Celebración en 2019: 10-11 de agosto.
Entroido
O martes de Entroido é festivo local en Valdoviño. Sirva este dato para reflectir o interese existente polo carnaval, no que se celebran festas e obradoiros que teñen o seu punto culminante no festival organizado dende o Concello, no que as comparsas agudizan o seu enxeño para retratar a nosa sociedade.
Celebración en 2020: 29 de febreiro.
Feira Tradicional
O evento organizado pola Asociación Cultural e Recreativa de Feiras e Eventos de Valdoviño deixou a súa temática Medieval en 2016, mantendo o mesmo espíritu como Feira tradicional galega.
Festa do Percebe
No amplo mapa de festexos gastronómicos galegos non podía faltar o percebe das nosas costas. Aproveitando a calidade da súa despensa, Meirás celebra no verán (en 2018 foi o 28 e 29 de xullo - X Festa do percebe de Meirás) a Festa do Percebe, un evento que ano a ano vai a máis.
Falando de festas gastronómicas, en Valdoviño celebrouse a Festa da Pataca (2ª feira da pataca) e durante anos celebrouse en Pantín a Festa da Coquina.
Festival de cantareiras
Os Xotas e as Cantareiras A.C. Mestura de Meirás organizaron en 2011 a primeira edición do Festival de cantareiras. A cousa foi tan ben que repiten cada ano con novas agrupacións, a mesma ilusión e moita, moita música.
Celebración en 2019: 26 de outubro, IX Festival de Cantareiras este sábado en Meirás.
Mostra de Asociacións
O movemento asociativo valdoviñés está máis vivo que nunca. Para demostralo, e dende que comezou este século, celébrase un encontro veciñal anual no que se amosan algúns dos últimos traballos realizados por cada entidade.
Actuacións musicais, baile, teatro ou exposicións mistúranse nun moi bo ambiente, e sempre acompañado dun xantar no que se adiviña que o gran patrimonio municipal son as súas xentes.
A Mostra, organizada cada ano nunha parroquia diferente, celebrouse en 2019 en Meirás, o 4 de maio.
Mostra da canción coral
A A.C.R. A Frouxeira de Valdoviño organiza o festival musical da canción coral, un evento polo que pasaron agrupacións de moitos puntos da península nas vintesete edicións celebradas.
Celebración en 2019: 22 de xuño (XXXII Mostra da Canción Coral).
Pantín Classic
Valdoviño acolle cada ano unha proba do Campionato do Mundo de Surf, sendo un dos referentes deportivos nacionais. O Pantín Classic conta cun apartado de seu nesta web.
Celebración en 2020: 17-23 de agosto.
Ademais destes eventos, cada parroquia honra ao seu patrón e patroa nas festas patronais.
Festas patronais | ||
Data onomástica | Festa | Parroquia |
Variable en maio | Ascensión | Meirás |
24 de maio | San Vicente | Vilaboa |
Variable | Corpus Christi | Valdoviño |
29 de xuño | San Pedro | Loira |
Variable | Virxe do Porto | Meirás |
16 de xullo | Virxe do Carme | Valdoviño |
25 de xullo | Santiago Apóstolo | Lago/Pantín |
11 de agosto | Santa Filomena | Vilarrube |
15 de agosto | Asunción da Virxe | Meirás |
17 de agosto | San Mamede | Valdoviño |
24 de agosto | San Bartolomé | Sequeiro |
12 de setembro | Santa María | Sequeiro |
15 de setembro | N. Sra. dos Dores | Lago |
29 de setembro | San Miguel | Valdoviño |
11 de novembro | San Martiño | Pantín/Vilarrube |