Camiño de San Andrés
- Distancia: 11,5 km en Valdoviño, dun total de 50 km.
- Accesibilidade: A pé, bicicleta.
A ruta cara a Teixido é un camiño de gran tradición, xa percorrido por Frai Martín Sarmiento en 1755, e que nos últimos anos conta cunha cita dentro do calendario de eventos organizados polo Concello. Aínda que os romeiros poden facer en torno a os 50 quilómetros, aquí referímonos á senda que cruza Valdoviño (segundo a ruta sinalada polo Club Montaña Ferrol, que na súa web amosa o trazado completo).
Km 21 Marco de Portonovo. O gran marco de pedra está en posición horizontal. Este é o lugar onde se xuntan os Concellos de Valdoviño, Narón e San Sadurniño. A continuación: un quilómetro máis de pista de terra e sae a unha asfaltada.
Km 22 Lobeira. Este é un rueiro de San Sadurniño. A continuación chégase ata a estrada San Sadurniño-Valdoviño, que se atravesa para seguir por pista de terra, collendo rapidamente pola dereita, entre casas moi dispersas.
Km 28,5 Loira. San Pedro, ten unha igrexa, e diferentes vestixios megalíticos. A continuación cóllese a estrada cara ó encoro, ata a liña de alta tensión, por onde se colle monte a traveso ata a auga.
Km 30 Encoro das Forcadas. De aquí sae a auga para toda a bisbarra de Ferrolterra. Ten instalacións recreativas de remo e vela. A continuación atravésase a presa, se percorre algo de asfalto, e se desvía cara á esquerda, tamén por asfalto.
Km 32 Capela da Fame ou de Liñeiro, lugar onde, dende sempre, parábase a comer despois dun, xa, longo camiño. A continuación sáese á estrada de Vilarrube, e se cruza cara ó lugar da Escola, onde un estreito camiño en descenso por un eucaliptal dará paso a unha forte baixada, ás veces asfaltada, cara ó río divisorio de Valdoviño e Cedeira.
Km 35 Porto do Cabo. Lugar creado para os romeiros, entre as súas casas consérvase o antigo Hospital de Romeiros, e aquí as “caldupeiras” facían o caldo para os camiñantes. É importante tamén a ponte medieval que dá paso ás terras de Cedeira. A continuación coller á esquerda por asfalto, e ó pouco atravesando, remontar pola forzada pendente da Costa de Aro.