Meirás-Monte da Vela, un percorrido canón
- Distancia: 8,6 km.
- Tempo estimado: 01h45' a pé.
- Altitude (máxima/mínima): 256 m / 6 m.
- Desnivel acumulado: 381 m.
- Pendente (máxima/mínima): 21,28% subida, 36,84% baixada.
- Accesibilidade: A pé, bicicleta.
- Partida e chegada: 46º 36.168N, 008º 11.590W.
Camiño que transcorre pola parroquia de Meirás, con partida e chegada na zona de aparcadoiro da praia do Río, próxima ao hotel A Roda.
Os primeiros 1.200 metros discorren por pista asfaltada ata alcanzar o pé do Pico da Vela, tamén coñecido por Montefaro ou Alto de Campelo. A subida e gran parte da baixada deste realizarémola por pista de terra e pedra, utilizada durante moitos anos como vía de servizo polos militares que custodiaban as baterías defensivas situadas neste monte. O firme desta vía é irregular nalgunhas zonas.
No tramo que nos leva dende os 1.200 ata os 3.855 metros de percorrido, punto no que se sitúa o cume, podemos gozar dalgunhas das mellores panorámicas da Costa Ártabra, das praias de Meirás e A Frouxeira, coa súa lagoa, así como dos vales de Meirás e de Valdoviño. Unha vez alcanzado o cumio o noso rango de visión amplíase permitíndonos gozar da praia de Campelo e a costa que nos leva ata o faro de Cobas; de parte do concello de Narón, co monte Esperón e os seus eólicos ao fondo; e como non, do ancho océano. Neste tramo de suba sorteamos pendentes do 15 por cento nalgún dos seus puntos.
Toda a beleza paisaxística concentrada neste tramo de suba se pode facer máis ameno se nos detemos a observar os restos das antigas edificacións militares: túneles, barracóns, asentamentos dos canóns, etc.
Para os amigos da historia recordar que ata principios do ano 1940 este monte albergou para a defensa da costa un exemplar das pezas de artillaría máis grandes montadas en toda a península: O Vickers 38,1", un canón de 17 metros de lonxitude no seu tubo e 86,3 toneladas de peso, dende o que se podían disparar proxectís de 833 quilos a 35 quilómetros de distancia de costa.
Dende o quilómetro 3,8 ao 7,4 o terreo é de baixada, con distintos desniveis. Dende este último punto ata o final do traxecto volvemos circular por asfalto.
A dificultade global do percorrido varía en función da marcha, tanto como varían as cores e a luz da paisaxe en función da hora do día, estado do mar ou época do ano no que o realicemos.