Faro da Frouxeira, a luz máis nova de Galicia
- Distancia: 5,5 km.
- Tempo estimado: 00h45' a pé.
- Altitude (máxima/mínima): 47 m / 0 m.
- Desnivel acumulado: 205 m.
- Pendente (máxima/mínima): 9,92% subida, 9,58% baixada.
- Accesibilidade: A pé, bicicleta.
- Partida e chegada: 43º 36.334N, 008º 11.073W.
Camiño cun trazado de 5.500 metros de lonxitude que transcorren pola parroquias de Meirás e Lago, con partida e chegada no aparcadoiro do campo de fútbol Misael Prieto (Meirás).
Comezamos en dirección ao faro da Frouxeira pola estrada asfaltada, ata cubrir os primeiros 150 primeiros metros do noso percorrido, punto no que nos desviamos a man dereita por unha pista de terra e pedra. O firme neste tramo é bastante irregular, ata chegar aos 400 metros a un paseo de madeira que nos conducirá á praia.
Os 600 metros de paseo de madeira discorren sobre area e entre dunas. Nos seus últimos metros sortéase un pequeno regato, cun caudal de maior ou menor densidade en función da época do ano. O mesmo sucede coa vexetación circundante.
Superado o primeiro quilómetro do noso percorrido alcanzamos o areal da Frouxeira, un bo momento para deleitar a vista. Esta zona da praia é a elixida por moitos afeccionados ao surf como "campo de adestramento".
Tomamos dirección á esquerda, percorrendo uns 300 metros pola area, cara a unha fonte que hai ente as rochas da praia. Preto da fonte, a uns 30 metros en dirección ao mar aparecen varias subas á lomba que hai sobre a praia.
Neste punto hai que ter coidado coas pernas, posto que imos tomar un sendeiro moi estreito que boa parte do ano está flanqueado por silveiras.
Os próximos 500 metros discorren entre estreitas vereas. Esta é unha zona privilexiada para a pesca de cana. Para os amantes das aventuras, un reto: buscar neste tramo un burato que queda á esquerda, na dirección de marcha, e ver se a auga de mar se interna nel.
No quilómetro 2,5 do noso percorrido alcanzamos unha antiga garita militar e unha gran cruz que, como homenaxe a unha persoa afogada na zona, nos recorda a aqueles que perderon a vida nestas augas.
Este é un sitio ideal para gozar do aire puro e dos impresionantes cantís, escenario elixido polo cineasta Roman Polanski en 1994 para rodar algunhas escenas da súa película "A morte e a doncela" protagonizada por Sigourney Weaver e Ben Kingsley. Continuamos o noso camiño cara ao faro bordeando os cantís, ata o quilómetro 3,3. Case ao pé do faro atopamos uns túneles construídos no seu día polo exercito e que tiñan como finalidade albergar uns potentes focos que iluminaban posibles obxectivos aos canóns situados no alto do Monte de Campelo.
O faro, un dos últimos en construírse en España, ten unha estrutura modernista e álzase, cos seus 30 metros, a 75 metros sobre o nivel do mar. Non hai que perderse a panorámica de 360º dende este punto.
Deixando o faro á nosa dereita e as troneiras militares á nosa esquerda, avanzamos seguindo o camiño que bordea a costa cara á ermida do Porto, que divisamos ao fondo sobre as rochas. No km 4,5 chegamos á praia de cantos rodados que bordea a capela da Virxe do Porto, patroa dos mariñeiros da zona. De fronte unha piscifactoría. Xiramos á esquerda.
No punto quilométrico 4,6 xiramos de novo á esquerda e iniciamos unha lixeira ascensión por unha pista asfaltada que nos leva ao punto de partida no campo de fútbol.