O Concello de Valdoviño aproba a adxudicación provisional da redacción do Plan Xeral de Urbanismo
O alcalde de Valdoviño, Alberto González, informou esta mañá da adxudicación provisional da redacción do Plan Xeral de Ordenación Municipal, documento mestre que marcará as liñas urbanísticas no futuro do noso municipio. Lembrou que o Concello viuse obrigado a sacar a concurso a redacción do plan despois de que a anterior empresa adxudicataria entrase en concurso de acreedores, renunciando ao mesmo e retrasando o proceso. Unha situación que non paralizou a actividade dende o punto de vista da planificación urbanística. Proba disto foron as dúas medidas informadas onte na comisión de área aos grupos municipais: o inicio da tramitación administrativa do expediente de delimitación de 37 novos núcleos rurais e a redacción definitiva da modificación puntual do planeamento para a implantación de campamentos turísticos no termo municipal.
Respecto á redacción do PXOM, Alberto González sinalou que a nova empresa redactora conta cun prazo de 16 meses para concluír o servizo e dispor dese documento mestre. A partir de aí, o Concello estaría en situación de elevalo á Xunta de Galicia, con competencias para a súa aprobación definitiva.
En relación á tramitación administrativa do expediente de delimitación de núcleos rurais, o alcalde remontouse ao ano 2018 para sinalar que é neste momento cando, a proposta do Concello, a Xunta de Galicia incorpora no Plan Básico Autonómico 37 novas entidades do noso municipio susceptibles de delimitarse como núcleos rurais, ampliando así a capacidade para edificar nestes espazos. A partir de aí, as xestións continúan na Deputación provincial da Coruña e a Asistencia Técnica aos Municipios procede á delimitación. Agora, o Concello inicia a tramitación administrativa do expediente, cuxa primeira fase é a avaliación ambiental. Na práctica, e de prosperar a tramitación, e cumplindo os parámetros urbanísticos, eses terreos poderían convertirse en edificables. A día de hoxe, as normas subsidiarias de Valdoviño contemplan 56 núcleos rurais delimitados e, de incorporarse os 37 prospostos -en todas as parroquias-, aumentaríase nun 50% a capacidade edificatoria.
Por último, e respecto á modificación puntual do planeamento, Alberto González sinalou que pretende adaptar a normativa de Valdoviño ao novo decreto que regula a implantación dos campamentos de turismo aprobado pola Xunta. Deste xeito, permitirá avaliar que espazos do territorio poden ser susceptibles de acoller este tipo de infraestruturas atendendo ás limitacións dende o punto de vista paisaxístico e patrimonial. Darase así seguridade xurídica aos potenciais promotores, empresas e emprendedores/as.