O Concello abre o prazo para solicitar autorización para as luminarias de San Xoán e San Pedro nos espazos privados
Dada a situación de crise sanitaria na que nos atopamos, e co obxecto de manter as tradicións e á súa vez cumprir coas medidas de control e protección derivadas da pandemia do COVID-19, o Concello de Valdoviño informou esta mañá a través dun bando municipal que poderán realizarse luminarias de carácter tradicional nos espazos privados dos núcleos rurais e urbanos, previa declaración responsable. Deben presentar a súa solicitude chamando ao teléfono 981 48 70 41 extensión 1. O prazo conclúe o 23 de xuño ás 12 horas para as luminarias de San Xoán e o 26 de xuño ás 14 horas para as de San Pedro. Así mesmo, deberán seguirse as seguintes precaucións:
-O aforo, medidas de distanciamento e control en cada lugar autorizado deberá de cumprir o establecido polas autoridades sanitarias para a prevención do COVID-19
-Coma precaución deberá de manter unha distancia de seguridade de 50 metros de vivendas, vehículos, instalacións, tendidos eléctricos ou telefónicos, e zonas vexetais susceptibles de ser queimadas. Non se poden queimar residuos perigosos ou tóxicos.
-Previamente ao seu inicio, deberá facerse unha devasa mediante a eliminación manual ou mecánica da totalidade do material combustible nunha franxa axeitada rodeando o perímetro da luminaria. E disporase do material e medios suficientes para o seu debido control.
-Non se poderá realizar a luminaria cando as condicións meteorolóxicas poidan dificultar o seu control, sobre todo polo vento, ou se a Consellería de Medio Rural suspendera as queimas nesa xornada.
-Non se poderá abandonar o lugar da fogueira mentres non estea totalmente extinguida.
Doutra banda, prohíbense as luminarias en calquer espazo público e en espazos privados de uso público -parcelas vencelladas a negocios de hostalería, asociacións…).