Únete ao movemento solidario en Valdoviño para impulsar a fabricación de pantallas faciais con impresoras 3D
Primeiro foi a nivel estatal, logo autonómico e agora a nivel local. En Valdoviño vén de constituírse un grupo de «makers» voluntarios/as unidos/as por un obxectivo común: fabricar pantallas faciais de protección contra o coronavirus a través das impresoras 3D. Un movemento aberto á participación de todas e de todos. No día de onte, Alex Beceiro, estudante e veciña de Valdoviño, poñíase en contacto co Concello para impulsar este movemento voluntario dende o noso municipio e, a partir de aí, o alcalde, Alberto González, entablaba conversas co departamento de Tecnoloxía do CPI Atios capitaneado pola arquitecta técnica Reyes Montero. A resposta non puido ser máis positiva e, en menos de 24 horas, o grupo xa estaba formado.
Así, amáis de Reyes e Alex, forman parte do mesmo os alumnos do CPI David Bacorelle, Ainhoa Vigo e Antón Maroño, así como os ex alumnos Raúl Caneiro e Roi Freire. Coordinados, xa puxeron a andar as súas impresoras 3D para materializar un deseño validado polas autoridades sanitarias. O material preciso será financiado polo propio Concello e, de momento, será a Librería Xeila a encargada de subministrar as láminas de PVC e a mercería Inés González, a goma elástica necesaria.
Para unirse aos «Makers» Valdoviño, tan só é preciso chamar ou enviar un whatsapp ao número habilitado polo Concello: 695 096 198.
¿Cal será o seu destino? Fundamentalmente, e unha vez desinfectadas, dirixiranse a uso sociosanitario. Amais, serán reutilizables sempre e cando se desinfecten tras o uso con auga e lixía.