O Concello aproba habilitar estacionamentos para persoas con diversidade funcional nas inmediacións da rotonda da Frouxeira
O Concello prevé habilitar na zona contigua á rotonda da praia da Frouxeira prazas de estacionamento destinadas a aquelas persoas con diversidade funcional. Así o anunciou o alcalde, Alberto González, tras a aprobación inicial en pleno da modificación da ordenanza municipal de tráfico que permite adoptar esta iniciativa e que hoxe publica o Boletín Oficial da Provincia (BOP).
A medida responde ás demandas trasladadas por diferentes asociacións do ámbito sociosanitario nas xuntanzas mantidas co goberno municipal. Deste xeito, facilitaríase ás persoas con mobilidade reducida o acceso e disfrute ao areal e paseo da Frouxeira.
Coa publicación no BOP ábrese un prazo de alegacións de 30 días e, de non presentarse, o acordo de aprobación inicial quedaría elevado a definitivo de forma automática.
Así mesmo, a modificación tamén contempla a prohibición do estacionamento nun tramo duns 100 metros no vial do lugar da Saíña, na marxe dereita en sentido descendente.