O Concello estenderá a tecnoloxía LED ao pavillón municipal de O Longoiro
Reducir o consumo eléctrico asociado á iluminación, mellorar a eficiencia enerxética e as condicións do alumeado, tanto en intensidade como en uniformidade, son os obxectivos do proxecto de mellora da eficiencia enerxética que o Concello de Valdoviño levará a cabo no pavillón municipal de O Longoiro, en Meirás. Unha intervención que, como explicou o alcalde, Alberto González, contempla a implantación de tecnoloxía LED nas lámpadas actuais, holoxenuros metálicos, co que se logrará un aforro enerxético estimado do 50%.
A iluminación interior do polideportivo, en base a un estudo elaborado polo Concello, atópase coa súa vida útil superada. Non está en consonancia coas esixencias actuais de funcionalidade, eficiencia enerxética e seguridade. E, de aí, a actuación prevista. Contempla a renovación dunhas 70 lámpadas e financiarase con cargo ao POS+2019, requerindo dun investimento superior aos 18.000 euros.
O Concello sacaba a contratación a intervención no día de onte e, as empresas interesadas en optar ao proceso, poderán presentar as súas ofertas ata o 23 de febreiro.