O Concello promove unha xornada para dar a coñecer as axudas públicas abertas para iniciar proxectos empresariais en Valdoviño
O auditorio da Casa da Cultura acollerá este xoves 31 de xaneiro, a partir das 19,30 horas, unha charla informativa para dar a coñecer as liñas de axudas públicas convocadas na actualidade para favorecer a posta en marcha de novos proxectos empresariais. Está organizada polo Concello de Valdoviño e o alcalde, Alberto González, explica que con ela se quere favorecer e fomentar o emprego no municipio, como lugar para o asentamento de novas empresas e negocios que permitan xerar emprego.
Precisamente, será unha empresa local, a consultora Avanza.gal, a encargada de expoñer as diferentes convocatorias de subvencións e ventaxas que pon en marcha a Deputación provincial da Coruña, Xunta de Galicia e Goberno central, con especial incidencia naquelas financiadas con fondos europeos.
Unha ponencia, destacou o rexidor, coa que se informará a todos os posibles emprendedores e pequenos e medianos empresarios das axudas que teñen á súa disposición para facilitarlles as cousas. Por último, o alcalde anima a todo o mundo a acudir á cita, coa que se pretende traducir os proxectos en iniciativas empresariais.