Axuda económica, a través da tarxeta Benvida, para as familias con fillas e fillos nadas/os no ano 2018
ORDE do 19 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases polas cales se rexerá a concesión da axuda económica, a través da tarxeta Benvida, para as familias con fillas e fillos nadas/os no ano 2018 e se procede á súa convocatoria.
O obxecto desta orde é regular os requisitos e o procedemento de concesión dunha axuda económica ás familias con fillas e fillos nadas/os no ano 2018, a través da tarxeta Benvida. Con esta axuda preténdese contribuír a sufragar os gastos derivados da crianza dun fillo ou filla. Esta tarxeta poderá ser utilizada soamente en farmacias, parafarmacias, supermercados, tendas de alimentación e establecementos de puericultura ou especializados en artigos e produtos para a infancia. Deste modo, a axuda contribuirá a que as familias poidan atender os maiores gastos que supón o nacemento, derivados da adquisición de produtos básicos para o neno ou nena como, entre outros, leite e outros alimentos infantís, cueiros, produtos de hixiene infantil ou produtos farmacéuticos.
Artigo 1. Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases polas cales se rexerá a concesión dunha axuda económica para as familias que no ano 2018 teñan un/unha fillo/a, adopten ou estean en situación de garda con fins adoptivos dun neno ou nena nacido/a en 2018 (BS403B), e proceder á súa convocatoria.
2. A axuda farase efectiva a través da tarxeta Benvida, a cal só poderá ser utilizada en farmacias, parafarmacias, supermercados, tendas de alimentación e establecementos de puericultura ou especializados en artigos e produtos para a infancia.
Artigo 2. Financiamento
1. Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de 35.957.576 euros, que se imputará á aplicación orzamentaria 12.02.312B.480.1, distribuído en catro anualidades, dos cales corresponderán 9.000.000 euros ao ano 2018, 13.843.676 euros a 2019, 8.742.600 euros a 2020 e 4.371.300 euros a 2021.
2. O crédito final resultante destinado a estas axudas poderase incrementar no suposto de que sexa insuficiente para atender todas as solicitudes recibidas que cumpran os requisitos establecidos nesta orde. Este crédito poderá ser ampliado cando o aumento veña derivado dalgún dos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento de crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade deste como consecuencia das circunstancias sinaladas no dito artigo.
Artigo 3. Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias desta axuda aquelas persoas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que se encontran nun dos seguintes supostos:
a) Ter fillas ou fillos, tanto por natureza como por adopción, nadas/os entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2018.
b) Estar en situación de garda con fins adoptivos dun ou máis nenos/as nados/as entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2018.
2. Tamén se poderán beneficiar da axuda as galegas e os galegos e os seus descendentes que se encontren en calquera dos dous supostos anteriores e, tendo residido fóra de España, retornen a Galicia durante o ano 2018.
Artigo 4. Contía da axuda
1. Con carácter xeral, a contía total da axuda é de 1.200 € por cada fillo ou filla nado/a en 2018 durante o seu primeiro ano de vida a razón de 100 €/mes, que se farán efectivos do seguinte xeito:
a) Ano 2018: un único pagamento coa contía que corresponda en función do mes de nacemento ou de ser o caso, do ditado da resolución de adopción ou garda con fins adoptivos e ata o mes de decembro, incluído.
b) Ano 2019: un único pagamento coa contía que corresponda desde xaneiro e ata o mes anterior ao que o neno ou nena cumpra un ano.
2. Para aquelas familias con renda igual ou inferior a 22.000 €, a axuda ampliarase no segundo ano de vida e ata que o neno ou nena cumpra tres anos, nas seguintes contías:
a) 600 €/ano, a razón de 50 €/mes, se o fillo/a que dá dereito á axuda é o primeiro.
b) 1.200 €/ano, a razón de 100 €/mes, se o fillo/a que dá dereito á axuda é o segundo.
c) 2.400 €/ano, a razón de 200 €/mes, se o fillo/a que dá dereito á axuda é o terceiro ou sucesivos.
Esta ampliación farase efectiva en pagamentos anuais sucesivos co importe que corresponda ata o mes de decembro do exercicio en curso en función do mes de nacemento, ou do ditado da resolución de adopción ou garda con fins adoptivos do fillo ou filla polo/a cal se concedeu a axuda.
Artigo 5. Requisitos
1. Serán requisitos necesarios para a concesión desta axuda:
a) Que a persoa proxenitora solicitante teña a súa residencia habitual en Galicia.
Para estes efectos, considerarase cumprido o requisito de residencia habitual co empadroamento efectivo nun concello de Galicia.
b) Que a renda da unidade familiar non supere os 45.000 €. No suposto de que esta contía for superior, a renda per cápita non deberá superar os 13.500 €.
c) Que a renda da unidade familiar non supere os 22.000 €, para ter dereito á ampliación da axuda prevista no artigo 4.2.
2. Ademais, as persoas galegas emigrantes deberán ter retornado a Galicia no ano 2018 e deberán estar en posesión da nacionalidade española antes do dito retorno.
3. Así mesmo, as persoas beneficiarias teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
4. Todos os requisitos recollidos no punto 1 deste artigo se deberán reunir no momento de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
Artigo 6. Determinación da renda
1. Para a determinación da renda da unidade familiar, con carácter xeral sumaranse a base impoñible xeral e a base impoñible do aforro da declaración do imposto da renda das persoas físicas (en diante, IRPF) do último período impositivo con prazo de presentación vencido no momento de presentación da solicitude de subvención.
2. Para determinar a renda per cápita tomarase a renda da unidade familiar e dividirase polo número de membros da dita unidade.
3. Entenderase por unidade familiar a formada pola/s persoa/s proxenitora/s e:
1º. As fillas e os fillos menores, agás que, con consentimento do/a pai/nai, vivan de xeito independente.
2º. As fillas e os fillos maiores de idade con incapacitación xudicial e patria potestade prorrogada ou rehabilitada.
3º. As fillas e os fillos maiores de dezaoito anos cun grao de discapacidade superior ao 33 por cento.
4º. As menores e os menores en situación de garda con fins adoptivos.
No suposto de non convivencia das dúas persoas proxenitoras, se unha delas asume en solitario o sustento da unidade familiar, familias monoparentais segundo o disposto no artigo 13 da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, a renda daquela que non contribúe non será computada sempre que se acredite documentalmente a dita circunstancia.
4. No suposto de que a Axencia Estatal de Administración Tributaria non teña identificado algún membro da unidade familiar, a determinación da renda completarase cos datos que figuren na documentación acreditativa dos ingresos achegada coa solicitude.
Artigo 7. Solicitudes e documentación
1. A solicitude formalizarase no formulario normalizado que figura como anexo I e que estará dispoñible na Guía de procedementos e servizos que se atopa no enderezo: http://www.xunta.gal/resultados-da-guia-de-procedementos, de acordo co establecido no artigo 8.
2. As solicitudes (anexo I) irán acompañadas da seguinte documentación:
a) Anexo II debidamente cuberto e asinado pola persoa proxenitora que non apareza como solicitante, se é o caso.
b) Copia completa do libro ou libros de familia da unidade familiar ou, de ser o caso, documentación acreditativa dos vínculos de parentesco da persoa solicitante co resto dos membros da súa unidade familiar.
c) Certificado de empadroamento conxunto da persoa solicitante e da/o nena/o que dá dereito á axuda.
d) Copia da resolución xudicial ou administrativa que declare a adopción ou a garda con fins adoptivos, de ser o caso, cando se trate de adopcións formalizadas fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.
e) Copia da sentenza de nulidade, separación ou divorcio ou da resolución xudicial que estableza as medidas paterno filiais dos fillos e fillas comúns nas unións de feito e/ou do convenio regulador, de ser o caso.
f) Pasaporte en vigor da persoa cónxuxe ou parella, para o suposto de que esta estea en trámite de autorización de residencia.
g) Documentación acreditativa dos ingresos percibidos no estranxeiro no período impositivo computable, acompañados dun certificado de organismo competente ou entidade bancaria acreditativo do valor en euros dos ditos ingresos, de ser o caso.
h) No suposto de persoas galegas emigrantes retornadas ou descendentes, deberase presentar ademais:
1º. Documentos xustificativos do nacemento en Galicia ou de ser descendente dunha persoa galega.
2º. Certificado de persoa emigrante retornada, expedido polas delegacións ou subdelegacións do Goberno, baixa consular ou calquera outra documentación que acredite fidedignamente a data de retorno a España.
3º. Pasaporte para as persoas solicitantes que non teñan DNI.
3. Cando se acheguen coa solicitude documentos en idioma distinto do galego ou castelán, deberá presentarse tamén a tradución dos ditos documentos para calquera destes dous idiomas.
4. Na solicitude (anexo I) deberá figurar, con carácter obrigatorio, un teléfono móbil para os efectos de activar a tarxeta Benvida. A activación será efectiva unicamente desde o número de móbil que se faga constar na solicitude.
5. No suposto das solicitudes presentadas por vía electrónica, deberase presentar unha copia dixitalizada dos documentos indicados nos puntos anteriores.
Artigo 8. Lugar e prazo para a presentación das solicitudes
1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.
Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.
Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.
Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos aos cales se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos pola sede electrónica ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos na forma prevista no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.
A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse preferentemente por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, tamén os poderán presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados desde o día seguinte a aquel en que se produce o nacemento ou se dita a resolución administrativa ou xudicial para os supostos de garda con fins adoptivos e de adopción. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día do nacemento ou do día en que se ditou a resolución de adopción ou de garda con fins adoptivos.
No suposto de que a persoa solicitante sexa emigrante retornada a Galicia en 2018 e sempre que o fillo ou filla nacese con anterioridade ao seu regreso, este prazo de dous meses contarase a partir do día seguinte a aquel que conste na documentación que acredite fidedignamente a data de retorno a España. Así mesmo, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal da data que figure na dita documentación acreditativa.
Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao seguinte día hábil, e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
3. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación recollida no artigo 7, requirirase a persoa interesada para que, no prazo de dez (10) días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se entenderá que desiste da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
Artigo 9. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) Documento nacional de identidade (DNI)/Número de identidade de estranxeiro/a (NIE) da persoa solicitante e da persoa cónxuxe ou parella, de ser o caso.
b) Declaración do IRPF da persoa solicitante e da/o cónxuxe ou parella, de ser o caso, correspondente ao último período impositivo con prazo de presentación vencido no momento de presentación da solicitude de subvención.
c) Resolución xudicial ou administrativa que declare a adopción ou a garda con fins adoptivos, de ser o caso.
d) Certificado de monoparentalidade, de ser o caso.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado para esta finalidade no formulario de solicitude e achegar os documentos.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 10. Procedemento de concesión e resolución das axudas
1. O procedemento de concesión da axuda é o de concorrencia non competitiva, por non ser necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
As axudas tramitaranse por un procedemento abreviado en que o órgano instrutor lle formulará ao órgano concedente a proposta de concesión tras comprobar a concorrencia dos requisitos requiridos para conceder a subvención.
2. A resolución destas axudas correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, por delegación do conselleiro de Política Social, no prazo de catro meses contado desde o día seguinte ao da data en que a solicitude teña entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen se ditar resolución expresa, as solicitudes teranse por desestimadas.
3. As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución se o acto é expreso, e, se non o é, o prazo será de seis meses desde o día seguinte a aquel en que a solicitude se entenda desestimada, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Potestativamente e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderase interpoñer recurso de reposición, ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación da resolución expresa. Se a resolución é presunta, en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.
Artigo 11. Notificación
1. As notificacións das resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos.
2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade, electrónica ou en papel, escollida para a notificación.
4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos for expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico efectuarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 12. Compatibilidade
Sen prexuízo do establecido no artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as prestacións reguladas nesta orde serán compatibles con calquera outra establecida tanto polas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, como por calquera entidade privada.
Artigo 13. Instrumentación da axuda
1. A axuda farase efectiva a través da tarxeta Benvida, unha tarxeta moedeiro que se expedirá a nome da persoa solicitante.
A Consellería de Política Social remitirá ao enderezo indicado na solicitude as tarxetas Benvida coa carga que lles corresponda na anualidade 2018 en función do previsto no artigo 4.1 e con instrucións para a súa activación. Así mesmo, informará as familias das condicións de uso.
2. De ser o caso, a tarxeta será recargada coa contía que corresponda na anualidade 2019 en función dos meses que restan ata que o neno ou nena que deu dereito a ela cumpra un ano.
3. De atoparse no suposto previsto no artigo 4.2, a tarxeta será recargada, ademais, nas sucesivas anualidades ata que o neno ou a nena cumpra tres anos, coas contías e conforme o procedemento establecido no dito artigo.
4. As tarxetas están sometidas a caducidade e con carácter xeral non poderán ser usadas máis ala do 31 de decembro de 2019, data que se ampliará para as persoas emigrantes retornadas que se atopen no suposto previsto no segundo parágrafo do artigo 8.2 e para as familias con rendas iguais ou inferiores a 22.000 euros. En todo caso, a vixencia das tarxetas concedidas ao abeiro desta convocatoria expirará o 31 de decembro de 2021.
5. A Consellería de Política Social conveniará cunha entidade financeira para que colabore na xestión da axuda. Esta entidade terá a consideración de entidade colaboradora de conformidade co establecido no artigo 9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e estará suxeita ás obrigas sinaladas no artigo 12. Polas características da colaboración, a entidade que resulte seleccionada estará exenta de constituír as garantías a que se refire o artigo 72.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
Artigo 14. Modificación da resolución de concesión
De acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión a alteración das condicións tidas en conta para a súa concesión e, en todo caso, a obtención de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.
Artigo 15. Obrigas das persoas beneficiarias
1. As persoas beneficiarias destas axudas obríganse a observar o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e especificamente a:
a) Comunicar calquera variación que se produza na situación familiar que poida dar lugar á perda da axuda.
b) Responsabilizarse e cumprir as condicións de uso establecidas para a tarxeta Benvida e destinala exclusivamente á finalidade para a cal foi concedida.
c) Comunicar a perda, roubo ou extravío da tarxeta á Consellería de Política Social.
d) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios. Para este fin, achegarase canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
e) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención. Esta comunicación deberase efectuar no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
2. Así mesmo, de acordo co artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no seu artigo 3.1 á cales se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei. No suposto de que o requirimento de información non sexa atendido en prazo, impoñeranse multas coercitivas cuxo importe será establecido de xeito proporcional á contía da subvención en función da gravidade do incumprimento.
Artigo 16. Xustificación da subvención
Tendo en conta que as axudas previstas nestas bases se conceden en atención á concorrencia nas persoas beneficiarias da situación prevista no seu artigo 1, de acordo co artigo 28.9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, non se requirirá a rendición da conta xustificativa regulada nese artigo, sen prexuízo, en todo caso, da necesaria acreditación da situación que xustifica a concesión da subvención previamente á súa concesión e do cumprimento das obrigas materiais e formais establecidas nestas bases.
Artigo 17. Revogación da prestación
Procederá o reintegro, total ou parcial, das axudas públicas, xunto cos xuros de demora devindicados, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, de acordo co disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Artigo 18. Información
A información relativa ao procedemento que regula a prestación económica, a través da tarxeta benvida, para as familias con fillas e fillos nadas/os no ano 2018, poderase obter nos seguintes enderezos da internet http://politicasocial.xunta.gal, http://www.familiasgalegas.org e https://sede.xunta.gal, así como no teléfono 012.
Artigo 19. Protección de datos
De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta orde, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades». O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer, ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Política Social. Secretaría Xeral Técnica; Edificio Administrativo San Caetano, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sxt.politicasocial@xunta.gal.
Os datos relativos ao nome, apelidos e número de teléfono móbil serán comunicados á entidade financeira colaboradora, encargada da carga e recarga das tarxetas, coa finalidade de que esta poida tratalos e utilizalos para emitir, estampar e gravar a correspondente tarxeta prepagamento, así como para a realización das operacións e procesos relativos á súa activación e xestión, incluído o envío ao número de teléfono móbil dunha mensaxe SMS en que sexa informada do PIN, da activación e das recargas que, de ser o caso, se efectúen.
Artigo 20. Publicidade
1. As axudas económicas concedidas ao abeiro desta convocatoria non se publicarán no Diario Oficial de Galicia, por ser un dos supostos de excepción contidos no artigo 17.3 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro; no artigo 15.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 9.3 do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.
2. Non obstante o anterior, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.
dous meses contados desde o día seguinte a aquel en que se produce o nacemento