Dous meses despois do seu inicio, as obras de construción do primeiro campo de fútbol de herba artificial en Mourente avanzan a moi bo ritmo e, a día de hoxe, practicamente alcanzaron o seu ecuador. Así o constatou esta mañá o alcalde, Alberto González, e o concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, nunha visita de supervisión, xunto á dirección de obra, ás instalacións. Así, o Concello concluíu ata o momento os traballos de movemento de terras e está a piques de rematar a instalación da rede principal do sistema de rego e máis do sistema de saneamento.