Xoán Curiel convida este domingo aos máis pequen@s da casa a participar do seu concerto “A Casa do Terror”
No marco dos actos deseñados polo Concello de Valdoviño para celebrar este ano o Samaín, o auditorio da Casa da Cultura acollerá este domingo 3 de novembro o concerto titulado «A Casa do Terror», a cargo de Xoán Curiel. A entrada é de balde e libre, ata completar aforo.
Trátase dunha proposta recomendada para nenos e nenas de entre 6 a 12 anos. Un espectáculo infantil explosivo e moi rico e atractivo musical e visualmente, ademais de moi participativo que mistura a música e a danza con elementos teatrais ou de clown. Estilos como o funk, o rock clásico, o pop, o reggae ou o swing atópanse neste espectáculo para nenos e nenas e público familiar.
A función, organizada polo Concello, conta coa colaboración da Deputación provincial a través da Rede Cultural.
