O Concello plantea activar un servizo de madrugadores para facilitar a conciliación no CPI Atios e CRA O Esquío
O alcalde, Alberto González, anima ás familias de Valdoviño con nenos e nenas no CPI Atios e escolas unitarias do CRA O Esquío a realizar a enquisa que estes días o Concello distribuíu nos centros educativos do municipio cun claro obxectivo: constatar a demanda dun servizo de madrugadores para favorecer a conciliación da vida laboral e familiar dos pais e nais. A súa posta en marcha por parte da Concellería de Servizos Sociais dependerá así do resultado do cuestionario, que plantea entre outras circunstancias como o horario que precisarían as familias ou o interese por incluír nese espazo os almorzos saudables.
Nesta liña, recordar que no caso do CPI Atios o horario de entrada oscila entre as 9,25 e 9,35 horas, co que en diversas xuntanzas algunhas familias plantearon a necesidade de contar con este recurso. Precisamente, entre os horarios que se plantean na enquisa danse opcións dende as 8 ás 9,30 h ata de 9 a 9,30 horas.
As enquisas poden entregarse tanto na secretaría do CPI como nas escolas unitarias ou no departamento municipal de Servizos Sociais (planta baixa da consistorial) ou no enderezo electrónico iria.garcia@concellodevaldovino.com. Así mesmo, as familias teñen á súa disposición o teléfono 981 48 70 41 extensión 5 para plantear as súas consultas ou solventar as súas dúbidas.